Tuesday 19 de August de 2025

A Xunta financia cun 29M€ a actividade científica de 142 grupos e proxectos de investigación


— A Consellería de Educación apoia os equipos máis competitivos do sistema da I+D+i galega: 61 na USC, 35 na UVigo, 27 na UDC e 19 noutras entidades de investigación

— Con esta nova inxección, o investimento en vigor por parte do Goberno galego supera os 114M€, con 453 grupos en activo, o máximo histórico

A Xunta de Galicia continúa apoiando a actividade dos grupos de investigación máis competitivos do sistema da I+D+i galega. O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución destas axudas, cunha inxección de máis de 29M€ para 142 grupos e proxectos de investigación para o período 2025-2029.

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP financia o funcionamento estrutural e estable destas 142 agrupacións, das que 123 desenvolven a súa actividade nas tres universidades públicas galegas (61 na de Santiago de Compostela, 35 na de Vigo e 27 na da Coruña), mentres que as 19 restantes o fan noutros organismos científicos públicos de investigación en Galicia. Concretamente, estes últimos desenvolven os seus traballos nas fundacións galegas de investigación sanitaria (nove no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, un na Fundación Pública Galega Biomédica Galicia Sur en Vigo e outro na Fundación Pública Galega Biomédica na Coruña), así como nos centros do Consello Superior de Investigacións Científicas radicados en Galicia (tres no Instituto de Investigacións Mariñas en Vigo, outros tres na Misión Biolóxica de Galicia en Pontevedra e dous no Instituto de Ciencias do Patrimonio en Santiago de Compostela).
O obxectivo desta liña, o programa nuclear da Xunta no financiamento da I+D+i, é asegurar un financiamento estrutural e continuado, en base a criterios de calidade, que garanta un financiamento basal dos grupos científicos máis excelentes do sistema galego de investigación para desenvolver o seu labor de xeito estable e cunha liberdade de acción suficiente para reorientalo de ser o caso.
Neste sentido, o Goberno galego ten en vigor un investimento que supera os 114M€, o que garante que actualmente haxa 453 grupos en activo cunha actividade investigadora constante, o máximo histórico acadado ata o de agora.

Apoio en todas as fases

A convocatoria resolta inclúe o apoio a Grupos de Referencia Competitiva (modalidade A), grupos de elite cunha traxectoria moi consolidada e liderados por científicos recoñecidos; a Grupos de Potencial Crecemento (Modalidade B), que aínda se están formando e con traxectorias investigadoras incipientes en procura da excelencia, e a Proxectos de Persoal Investigador con traxectoria excelente (Modalidade C), proxectos para investigadores de alto impacto pero que non están liderando grupos.

Este ano benefícianse un total de 60 grupos de referencia competitiva (Modalidade A). Deles, 55 nas universidades públicas galegas e cinco noutros organismos de investigación, que reciben entre 200.000 e 400.000 euros en función dunha contía estrutural e outra variable asociada á súa evolución e xeración de recursos. Estas agrupacións caracterízanse por bos índices de publicacións científicas, un nivel de captación de recursos elevado e competitivos a nivel estatal e en moitos casos internacional.

Os grupos con potencial de crecemento (Modalidade B) son os que, sen alcanzar os niveis de desenvolvemento dos anteriores, teñen calidade investigadora, constatable con criterios estritos, e que están na senda que os leve a ser grupos de referencia. Nese caso hai 45 beneficiados (38 grupos nas universidades e sete noutras entidades), que disporán de axudas ao longo de tres anos cunha contía máxima que oscila entre os 90.000 e os 120.000 euros para o período.

Na Modalidade C, destinada ao financiamento de proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente, benefícianse un total de 37 iniciativas (30 deles nas universidades e sete noutras entidades investigadoras). Neste caso refórzase o labor dos científicos máis activos do sistema que obtiveron unha axuda do programa Ramón y Cajal, do Juan Rodés e do Miguel Servert, os máis prestixiosos de Europa e de España, respectivamente.
As axudas das tres modalidades van destinadas ao custo de contratación de persoal investigador ou auxiliar, ferramentas de xestión do coñecemento e a información, pequeno equipamento inventariable e material funxible, material bibliográfico e matrículas e inscrición en cursos, congresos e seminarios e estadías, entre outros.

Retención de talento
Esta acción forma parte da aposta decidida do Goberno galego pola ciencia, algo que queda latente no Plan galego de investigación e innovación 2025-2027, dotado con 1.310M€ e que se centra, entre outras áreas, no talento. Neste eido, precisamente, as axudas de apoio aos grupos de investigación son un dos piares do apoio á investigación no noso territorio, xunto coas axudas a contratos predoutorais e posdoutorais. De feito, a Xunta ten actualmente en vigor un investimento de case 241M€ dedicado a contratación de persoal ao abeiro destas.

Deja un comentario