Tuesday 19 de August de 2025

A actuación da Orquestra Gaos xunto a Pedro Guerra abre este mércores a Semana Clásica


A OSG homenaxeará a John Williams, a Orquestra de Cámara Galega contará coa soprana Laura del Río e a Banda Municipal levará a cabo unha novidosa colaboración con Cántigas da Terra

As Festas de María Pita entran este mércores nunha nova fase da súa celebración coa celebración da Semana Clásica, que reunirá desde mañá na praza de María Pita a catro das formacións máis prestixiosas de Galicia: a Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG), a Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC), a Orquestra Gaos e a Orquestra de Cámara Galega. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou a “calidade da programación” e tamén “a aposta do Goberno de Inés Rey polas formacións musicais coruñesas e galegas no contexto da Semana Clásica”, nunhas datas tan tradicionais e marcadas no calendario da cidade como son as Festas de María Pita. Todas as actuacións darán comezo ás 21.00 horas.

En primeiro lugar, este mércores 20 actuará a Orquestra Gaos, que contará co recoñecido cantautor Pedro Guerra como convidado especial. O concerto consistirá nunha versión sinfónica dunha selección das cancións máis coñecidas do artista: ‘Contamíname’, ‘Lazos’, ‘Debajo del puente’… Trátase dunha actuación que só se ofreceu nunha ocasión, con motivo dos concertos programados pola Orquestra de RTVE durante a pandemia.

O xoves 21 actuará, ás 21.00 horas en María Pita, a Orquestra de Cámara Galega, unha formación de primeiro nivel con máis de 25 anos de percorrido nos mellores escenarios. A orquestra interpretará diversas pezas de Rogelio Groba, acompañada pola soprano Laura del Río. Ademais, o concerto incluirá obras de Haendel, Aslamazyam e Mascagni.

O sábado será a quenda da Orquestra Sinfónica de Galicia. O director titular da OSG, Roberto González-Monjas, levará a batuta da orquestra nunha actuación na que se versionarán bandas sonoras de grandes clásicos do cinema, como A lista de Schindler,

Memorias dunha geisha, ET ou Superman, entre outros. Todas elas, dun prestixioso compositor como o estadounidense John Williams, protagonista deste concerto-homenaxe.
Por último, o domingo, pechará este ciclo a Banda Municipal de Música da Coruña xunto a Cántigas da Terra. Baixo a dirección de Isabel Risco e Luis Bolón e a dirección musical de Juan Miguel Romero Llopis, interpretarán ‘Cigarreiras da Terra’, unha ópera-zarzuela na que se afondará na historia da Fábrica de Tabacos coruñesa. Semana Clásica
● Mércores 20: Concerto da Orquestra Gaos e Pedro Guerra – Praza de María Pita
– 21.00 horas
● Xoves 21: Concerto da Orquestra de Cámara Galega – Praza de María Pita –
21.00 horas
● Sábado 23: Concerto da Orquestra Sinfónica de Galicia – Praza de María Pita –
21.00 horas
● Domingo 24: Concerto da Banda Municipal de Música da Coruña – Praza de
María Pita – 21.00 horas

Deja un comentario