Friday 22 de November de 2024

Los Charlies vencen no VII Tetramaratón de San Sadurniño


Primeiro festivo da Semana Santa e, xa case tradición, día de deporte en San Sadurniño. Desde as 9.30h. e ata pasadas as catro da tarde, o pavillón municipal e as pistas dianteiras do CPI acolleron a sétima edición do tetramaratón local no que un total de 12 equipos mediron forzas xogando a volei, baloncesto, fútbol sala e hóckey. Foi unha xornada deportiva marcada polo bo tempo e a rivalidade contida que, porén, se desbocou principalmente nas semifinais e na final, disputada por Os Picapeixes e Los Charlies que, ao remate, serían quen alzarían o trofeo de campións do tetramaratón.

Nesta edición participaron na competición un total de 72 deportistas cunha presenza maiormente masculina malia que as bases promovían que os equipos fosen mixtos. A diferenza do ano pasado, neste o sol non foi un factor determinante, posto que alumaba pero non queimaba e axudou a que as competicións do exterior -o fútbol sala e o hóckei- non fixesen tanta mella no estado físico dos xogadores e xogadoras.

A cita estaba posta para as 9.30h. e pouco se retrasou. Pouco despois das dez empezaron os partidos cos equipos distribuídos en catro grupos nos que se debía xogar a fútbol sala, baloncesto 3×3 e hóckei a un único enfrontamento de 10 minutos a reloxo corrido, mentres que no cuarto deporte -o volei- o crono se substituíu por dous sets a 7 puntos.

No tetramaratón priman a forma e a polivalencia. Dúas características que marcan a maneira en que se forman os equipos nos días previos á competencia. Todos eles adoitan ser eclépticos, con xente moi nova e algunha non tanto, con compoñentes de deporte diario e compoñentes máis sedentarios… O que si é común é o esforzo que se fai para buscar aliñacións nas que se xunten cracks en distintas disciplinas e, se se pode, que se defendan ben en todas. O resultado é que os encontros se van sucedendo moi igualados e cunha emoción que vai medrando a medida que se van acumulando puntuacións.

As semifinais xogáronas, dunha banda, o Avenida -equipo que defendía o título alcanzado o ano pasado- e Os Picapeixes e, de outra, O Mesón O Forno e Los Charlies. Quizais a semifinal máis dura e competida foi a primeira, que cumpriu desempatar xogando a volei. En ambos equipos había membros do Aldebarán da SM2 e, ao final, as actuacións de Blanco -adestrador do Aldebarán- e de Saulo Costa foron decisivas para que Os Picapeixes obtivesen o pase. A outra semifinal foi máis tranquila e con dúas victorias e dous empates, Los Charlies convertéronse tamén en finalistas.

A final houbo que xogala aos catro deportes e foi tamén unha serie intensa de enfrontamentos que mantivo a emoción ata o final. Empate a volei, empate a baloncesto, empate a hóckei e victoria a fútbol sala para Los Charlies, o que lles valeu para facerse co VII Tetramaratón de San Sadurniño. A entrega de trofeos produciuse preto das 16.30h. Unha hora que seguramente obrigue a reformular o desenvolvemento da competición en próximas edicións de cara a facela máis áxil e garantir que se poida ir xantar a unha hora máis apropiada que a da merenda.