Tuesday 19 de August de 2025

A deixación de funcións de Rioboo dinamita os servizos de emerxencias municipais e pon en perigo á veciñanza de Culleredo.


– As persoas que compoñen a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Culleredo veñen de anunciar a paralización das súas actividades por falta de seguridade e medios.

– Culleredo padece unha continua degradación tanto de Protección Civil como do Servizo Municipal de Emerxencias, que apenas ten recursos e persoal.

– Perante situacións de emerxencia, como a vivida hoxe mesmo cun lume no Monte Costa, dependemos dos recursos dos concellos limítrofes.

– Esta degradación é consecuencia directa do abandono das súas funcións polo Alcalde, Sr. Rioboo, de quen dependen directamente estes servizos.

Despois de anos precarizando os servizos de emerxencias municipais, José Ramón Rioboo conseguiu o seu obxectivo: as persoas voluntarias integradas na Agrupación de Protección Civil de Culleredo decidiron parar a súa labor ante a falta de medios que lles impide continuar en condicións de seguridade.

A Agrupación expón uns feitos de extrema gravidade, como a caducidade dos seguros ou que a liña de telefonía móbil coa que deberían contactar coa central de Emerxencias do 112 fóra dada de baixa.

Denuncias deste estilo véñense arrastrando desde hai algún tempo, e non só coa Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, afectan tamén ao Servizo Municipal de Emerxencias, composto por profesionais.

Lonxe fican os tempos nos que se anunciaban novas dotacións e se prometían novas bases. Hoxe o Servizo Municipal de Emerxencias funciona con menos da metade do persoal que ten consignado na Relación de Postos de Traballo.

Perante calquera emerxencia, como o lume producido hoxe no Monte Costa, Culleredo depende totalmente da axuda procedente dos concellos limítrofes.

As áreas de Seguridade Cidadá e Protección Civil dependen directamente da Alcaldía, do Sr. José Ramón Rioboo, que ten completamente desatendidas as súas obrigas para coa veciñanza de Culleredo.

O abandono das súas obrigas e o seu proceder neglixente fai responsábel ao Sr. Alcalde de calquera tipo de consecuencia derivada da precarización e dinamitación que se está a realizar dos servizos municipais de Seguridade Cidadá e Protección Civil, que pon en risco as vidas e as propiedades dos veciños e veciñas de Culleredo.

Deja un comentario