Monday 18 de August de 2025

Respaldo unánime á candidatura de Luis Oujo como novo presidente da Ría da Estrela


Cargo que tamén ostentará na Asociación de Concellos do Camiño da Ría Muros Noia

O cambio de alcaldía no Concello de Noia motivou a xuntanza de hoxe na casa consistorial de Noia para elixir o novo presidente da Asociación Rural de Desenvolvemento Ría da Estrela, cargo que ostentaba Santiago Freire. Novamente presentouse unha candidatura única e de consenso por parte dos cinco concellos integrados na ARD e dos distintos partidos políticos representados (PP, PSOE, e BNG).

Unha candidatura encabezada polo alcalde de Porto do Son, Luis Oujo Pouso, quen será o presidente da ARD Ría da Estrela, sucedendo así a Santiago Freire Abeijón, tal e como fixo a semana pasada na Presidencia da Asociación de Concellos do Camiño da Ría Muros Noia. Deste xeito mantense a tradición dende 2018, data de constitución da asociación, de que unha mesma persoa asuma a Presidencia de ambas as dúas entidades, Ría da Estrela e Asociación de Concellos do Camiño, para facilitar a coordinación e o establecemento de sinerxias entre elas.

Luis Oujo Pouso tivo palabras de agradecemento para os seus compañeiros da xunta directiva do ARD “agradezo este clima de consenso por parte de todos e todas que seguirei fomentando durante o meu mandato. Por iso seguirei mantendo a mesa liña de traballo e orientación, iniciada con Teresa Villaverde e mantida por Santiago Freire. Obxectivos como o crecemento do xeodestino, centrados na esencia da Ría da Estrela seguirán sendo prioritarios e compartidos por todos”.

Xunta directiva

A vacante de tesoureiro que deixa Luis Oujo será ocupada polo actual alcalde de Noia, Francisco Pérez Caamaño, que foi apoiado unanimemente por toda a xunta directiva. Un xesto que agradeceu o rexedor noiés, quen defendeu “a necesidade de consenso e de absoluta colaboración entre todos os concellos e alcaldes en aras dos intereses da Ría da Estrela e do Camiño da Ría de Muros Noia. Un principio que practicarei coma tesoureiro”. A xunta directiva da Ría da Estrela estará integrada por:

– María Lago Lestón, alcaldesa de Muros, como vicepresidenta
– Francisco Pérez Caamaño, alcalde de Noia, como tesoureiro
– Francisco Calo Abelleira, alcalde de Outes, como secretario
– Teresa Villaverde Pais, vogal.

Durante esta xuntanza, o novo presidente pediu ao alcalde de Noia celebrar todos os encontros da xunta directiva do ADR e da Asociación de Concellos do Camiño na Casa Consistorial de Noia por unha cuestión de centralidade e desprazamento dos membros da xunta directiva. Unha petición que foi respaldada polos seus compañeiros e compañeiras e aceptada polo alcalde de Noia.

Deja un comentario