Sunday 24 de August de 2025

Gala i Ovidio ensaiarán a súa estrea en directo nunha residencia no Teatro Colón


A súa actuación do día 28, para a que aínda quedan entradas á venda, celebrarase finalmente no propio Teatro, atendendo ás necesidades técnicas do espectáculo

O concelleiro Gonzalo Castro visitou hoxe os ensaios no Colón, xa con Raül Refree e Aida Tarrío sobre as táboas do teatro coruñés

Gala i Ovidio, o novo proxecto musical que une a Raül Refree, prestixioso músico e produtor e a Aida Tarrío, compoñente do recoñecido grupo Tanxugueiras, levará a cabo unha residencia no Teatro Colón como paso previo á súa estrea en directo do xoves 28 de agosto (21.00 horas), dentro das Festas de María Pita.
A estadía dos artistas comezou este luns e contou coa visita de Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo, que informou hoxe de que a actuación terá lugar finalmente no Teatro Colón, en troques do auditorio de Santa Margarida, atendendo ás necesidades técnicas do espectáculo.
“Para o Goberno de Inés Rey é unha honra que dúas grandes figuras da música como Aida e Raül inicien o seu proxecto conxunto na nosa cidade e comecen os seus ensaios no Teatro Colón, referente cultural a nivel estatal”, indicou Castro. Tanto Aida como Raül amosaron durante o encontro a súa satisfacción por poder contar con estas instalacións para preparar a súa esperada actuación, onde estarán acompañados por Belem Tajes, que actuará ás 20.00 horas.
“Estamos moi contentos de que se faga a estrea no Teatro Colón. É a primera vez que imos actuar xuntos despois de catro anos, desde que nos coñecemos Raül e eu, e fainos moita ilusión. Estamos moi emocionados porque creemos que o Colón é un sitio idílico para presentar este proxecto en directo. Animamos á xente a que veña e a disfrutalo con nós”, apuntou Aida Tarrío.

O proxecto rende homenaxe no seu nome aos fillos da escritora galega Rosalía de Castro.
En 1871 a escritora galega Rosalía de Castro deu a luz en Lestrove aos xemelgos Gala i Ovidio. Aida e Raül atopáronse en 2021 no Pazo de Mariñán e pronto souberon que debían hermanarse nun proxecto musical. Catro anos tardaron en darlle forma, entre procuras e gravacións, a Gala i Ovidio, un proxecto que se levou en segredo ata o día de hoxe. Os dous recoñecidos artistas coñecéronse para interpretar cancións tradicionais de Galicia e inspirados por elas foron atopando novos territorios onde a tradición intúese e os xéneros dilúense. A Raül gústalle dicir que Aida ten ás mulleres galegas dos últimos decenios na súa voz e que este arraigamento permítelles experimentar sen perder a identidade. Xestión das entradas para o concerto.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, informou esta mañá de que, por mor do traslado do concerto ao Teatro Colón, xa se están a xestionar todas as cuestións relacionadas co cambio de ubicación.

Neste sentido, os pases para asistir ao concerto no Teatro Colón serán sen numerar. Aínda hai entradas á venda, dispoñibles a través da web de Ataquilla e no quiosco de billetes da praza de Ourense, onde toda persoa interesada na actuación poderá consultar a información ao respecto.

Ademais, tamén se ofrecerá a posibilidade de devolución ás persoas que mercasen a súa entrada anteriormente. A este respecto, todas as persoas que xa comprasen o seu pase recibirán a información correspondente sobre o concerto por medio de correo electrónico.

Deja un comentario