Sunday 24 de August de 2025

A contorna da igrexa parroquial de San Xián de Artes renovarase cun novo firme


O Concello de Ribeira informa de que adxudicou a obra de pavimentación da contorna da igrexa parroquial de San Xián de Artes, unha actuación coa que se busca mellorar e poñer en valor un espazo de especial relevancia patrimonial e veciñal. A intervención consistirá na substitución do actual firme de aglomerado por un novo pavimento de pedra, máis acorde coa contorn histórica e o ben patrimonial que é a igrexa.

O proxecto contempla a demolición do actual aglomerado asfáltico deteriorado e a súa retirada a un vertedoiro autorizado. No seu lugar instalaranse lousas de granito combinadas con lastras do mesmo material, deseñadas con pendentes que garantan a correcta evacuación da auga da choiva.

O orzamento da obra ascende a 76.698,62 euros e foi adxudicada á empresa Excavaciones Nima, dentro do marco de financiamento do POS+ da Deputación da Coruña.

O alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, destaca que con esta actuación mellórase a contorna da igrexa pero tamén botou unha ollada ás actuacións impulsadas polo actual goberno municipal na parroquia neste tempo.
“Estamos a transformar Ribeira cun modelo de investimento responsable que mellora a vida das veciñas e veciños. Á pavimentación da contorna da igrexa de San Xián de Artes, que supón case 77.000 euros, hai que sumar outros proxectos executados nestes dous anos: o parque infantil, con 115.000 euros; o saneamento e abastecemento en Arribas, con 99.000 euros; e a mellora dos pluviais tamén en Outeiro, con 32.000 euros. En total, falamos de moitos cartos que se destinan a infraestruturas, servizos básicos e espazos públicos para toda a veciñanza.”

En concreto, a cifra global de investimentos ascende a 320.000 euros, destinados a actuacións que responden a demandas da veciñanza aos que se lle sumará a renovación de toda a estrada xeral que discorre entre Xarás e Olveira, contribuíndo así avanzar na mellora das parroquias.

Deja un comentario