Monday 18 de August de 2025

A Coruña súmase ao Reto Europeo de Pasos, unha competición aberta á participación cidadá que terá lugar durante a Semana Europea da Mobilidade


A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, animou as coruñesas e coruñeses a inscribirse neste desafío, concibido para fomentar a mobilidade peonil nas paisaxes urbanas

Xa está en marcha a conta atrás de cara á nova edición da Semana Europea da Mobilidade, que terá lugar entre os días 16 e 22 de setembro e na que A Coruña será unha das diversas cidades do continente que tomará parte no Reto Europeo de Pasos, unha iniciativa organizada por EIT Urban Mobility en colaboración con Walk15. A través deste desafío, concibido para fomentar a mobilidade peonil nas paisaxes urbanas, búscase involucrar o maior número posible de persoas para que camiñen pola súa cidade e, desta forma, gañar este reto que non só contribúe ao benestar persoal das veciñas e veciños, senón tamén a visibilizar os percorridos peonís existentes na cidade.
“Ano tras ano, A Coruña segue a gañar máis espazos públicos de calidade e a incrementar a súa aposta pola mobilidade sostible. Son dúas prioridades principais para o Goberno de Inés Rey e seguiremos a avanzar nesta liña de traballo, que actualmente avanza en barrios como a Sagrada Familia, onde se está a ampliar o percorrido da Rolda Peonil para que, a medio prazo, conecte xa coa Agra do Orzán”, explicou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz.

Para participar no reto é imprescindible descargar a app Walk15

Inscribirse no Reto Europeo de Pasos xa é posible e as persoas interesadas en participar poden unirse descargando a app Walk15, coa ligazón dispoñible aquí.
Tomar parte no reto é moi sinxelo: a través da aplicación Walk15, as persoas usuarias poderán utilizar o seu balance de pasos diarios para contribuír ao resultado colectivo da cidade. O reto terá lugar entre os días 16 e 22 de setembro, polo que os datos finais cinguiranse aos recollidos neste período.
“Moitas persoas xa usan os seus dispositivos móbiles ou reloxos para contar diariamente o seu número de pasos, e isto é moi semellante. E coa contribución das coruñesas e coruñeses, amosaremos que a nosa cidade está en vangarda na aposta pola mobilidade peonil”, dixo Díaz, que animou a cidadanía a inscribirse no reto de cara á Semana Europea da Mobilidade.

Deja un comentario