Saturday 16 de August de 2025

A Xunta impulsa a campaña “Boiro, compras con corazón” dentro da súa firme aposta de potenciación do comercio de proximidade


― O director xeral de Comercio e Consumo participou hoxe no concello coruñés de Boiro no lanzamento da iniciativa da Asociación Boirense de Empresas, seleccionada e impulsada pola Xunta no marco de O teu comercio local é extraordinario

― A de Boiro é unha das cinco iniciativas de dinamización extraordinarias seleccionadas polo Goberno autonómico dentro das axudas anuais aos centros comerciais abertos

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou esta mañá no concello coruñés de Boiro na presentación da campaña Boiro, Compras con Corazón, unha das cinco campañas de dinamización extraordinarias seleccionadas pola Xunta —xunto coas promovidas polos Centros Comerciais Abertos de Ribadeo, Marín, Ferrol e Rianxo— no marco da iniciativa O teu comercio local é extraordinario. Nesta liña, a campaña levada a cabo pola Asociación Boirense de Empresas desenvolverase desde hoxe, 16 de agosto, ata o vindeiro sábado 23, rematando cun sorteo presencial de 5.000 euros entre os clientes que realicen compras durante a campaña.

Durante o acto de hoxe, os representantes dos comercios locais presentaron a campaña tanto a residentes como a turistas, acompañados de música en vivo e degustación da gastronomía da zona para todas as persoas que se acheguen. Nos vindeiros días, as rúas de Boiro acollerán un amplo programa de actividades para todos os públicos, que incluirá sorteos, agasallos, pasarrúas, parques hinchables… co foco no fomento do comercio de proximidade. Os clientes poderán trocar os tíckets de compra por agasallos exclusivos, ademais de recibir unha participación por cada 10 € de compra para o sorteo de 5.000 €.

O director xeral felicitou aos organizadores da campaña, destacando que este tipo de accións poñen de manifesto a importancia do consumo no comercio local, aportando visibilidade aos establecementos da zona, consolidando a entidade local e fomentando a creación dunha rede de sinerxías e colaboración entre os negocios da contorna.

Iniciativa “O teu comercio local é extraordinario”
Entre os meses de agosto e outubro, a Xunta apoiará cinco campañas extraordinarias impulsadas polos centros comerciais abertos (CCA) de Boiro, Ribadeo, Ferrol, Marín e Rianxo. Estas entidades foron seleccionadas entre as mellor valoradas na convocatoria de axudas deste ano, na que se apoiaron un total de 54 centros comerciais abertos de toda Galicia cun investimento global de 2,3 millóns de euros. Para estas cinco propostas en concreto o Executivo autonómico destinará preto de 200.000 euros, como recoñecemento á súa calidade, capacidade de innovación e impacto no territorio.

As campañas teñen como obxectivo dinamizar o tecido comercial, fomentar o consumo de proximidade e reforzar o papel do comercio local como motor económico e social nas vilas e cidades galegas. Con estas accións, a Xunta pon en valor o esforzo e a creatividade dos centros comerciais abertos, consolidándoos como pezas clave no desenvolvemento urbano e económico no marco do Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030.

Deja un comentario