Saturday 16 de August de 2025

A Xunta promove en Sober a comercialización do produto artesán e a marca artesanía de Galicia


― A Fundación Artesanía de Galicia organiza a quinta edición do evento Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra, que se celebrará o próximo sábado 23 de agosto e no que participarán unha vintena de obradoiros artesanais

― A iniciativa terá lugar no Santuario de Nosa Señora de Cadeiras e na programación incluirá obradoiros gratuítos para todos os públicos de encadernación, de estampaxe e de cerámica de torno, así como a actuación musical do grupo Deuce

A Fundación Artesanía de Galicia organiza o próximo sábado 23 de agosto no Santuario de Nosa Señora de Cadeiras (Sober), a quinta edición do evento Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra, no que haberá 19 expositores de Artesanía de Galicia especializados en oficios como a cerámica, o coiro, o téxtil, a olería, a xoiería, a madeira, os instrumentos musicais tradicionais, a forxa ou os xoguetes. No programa de actividades inclúense tamén tres obradoiros gratuítos e abertos ao público adulto e infantil sobre encadernación, estampaxe e torno cerámico, que estarán impartidos tamén por titulares de obradoiros de Artesanía de Galicia e pola Asociación Galega da Cerámica e outras artesanías.

Os expositores de Artesanía de Galicia que participan na edición deste ano son os obradoiros de Ourense Logaro, e María Aba; os de Lugo Meteora Handmade e La Bellota Mágica; o obradoiro de olería tradicional de Gundivós Alfarería Elías de Gundivós (Sober); Arobe Cerámica (A Coruña), Artesanía Enxebre de Valdeorras (O Barco de Valdeorras), Ceniza de Papel (O Corgo), D Rositas (Rois), Enxógate (Quiroga), J. Eiroa Forxa (Culleredo), Mimacuir (Taboada), Nobelo a Nobelo (A Estrada), Olería do Batán (Baños de Molgas), Riomao Estudio Creativo (A Teixeira), Sanín Percusión Tradicional (Santiago de Compostela), Siliva (Abegondo), Sofo (Ribeira) e TresOficios (Teo). O horario de apertura do evento é de 11,00 a 21,00 horas.

Ao longo da xornada celebraranse tres obradoiros gratuítos e abertos a todos os públicos que se acheguen ata os pendellos de Cadeiras en horario de 11,00 a 14,00 e de 16,00 a 21,00 horas. A Asociación Galega da Cerámica e outras Artesanías (Gondomar) encargarase de dirixir un obradoiro de Iniciación ao torno cerámico, no que as persoas participantes elaborarán pezas de barro mediante as técnicas da olería tradicional galega. A actividade completarase coa divulgación das principais características das pezas máis representativas da nosa olería.

Ademais, os artesáns María José Martínez e José Antonio Carrera, de Peixesapop (Vigo), impartirán un obradoiro de Encadernación xaponesa e outro de Marmolado. A programación do evento Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra completarase coa actuación do grupo Deuce, a partir das 13,00 horas.

Deja un comentario