Saturday 16 de August de 2025

Avanzan as obras para mellorar a accesibilidade ao centro veciñal de Monte Alto, con actuacións que se estenderán aos espazos peonís próximos


O Concello dálles resposta a varias das demandas do barrio ao actuar tamén no percorrido peonil que conecta a rúa da Torre, Curros Enríquez e o campo de Marte, coa elevación dun paso peonil

Días atrás comezaron os traballos de construción da nova rampla de acceso ao lateral do centro veciñal de Monte Alto, unha actuación coa que o Concello busca responder a unha demanda do barrio e garantir, desta forma, unha mellor accesibilidade ao local da AA.VV. Atochas-Monte Alto-A Torre.

A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, detallou polo miúdo o contexto desta intervención na contorna do edificio, “un punto de encontro habitual das veciñas e veciños que, ademais de albergar moitas actividades ao longo do ano, tamén dispón dunha biblioteca de uso público”.

A isto sumarase unha actuación complementaria no paso peonil que conecta a rúa da Torre con Curros Enríquez e o Campo de Marte, clave no tránsito das persoas viandantes por esta parte do barrio. “Aquí tamén se acometerán melloras de accesibilidade; elevarase o paso peonil, o que tamén suporá un reforzo da seguridade viaria”, razoou Díaz.

A supresión de barreiras arquitectónicas amplíase tamén ás Xubias

A concelleira Noemí Díaz lembrou que estes traballos forman parte dun abano de intervencións para suprimir barreiras arquitectónicas e mellorar os espazos públicos en diversas partes da cidade.

No caso de Monte Alto, tamén se prevé actuar na rúa Valencia ante os problemas de accesibilidade que existen nesta vía, sobre todo debido ao ancho das beirarrúas, insuficiente na actualidade. Actuarase no conxunto da rúa entre Faro e Touro: ampliaranse as beirarrúas, executarase unha nova rede de augas pluviais e renovarase a calzada.

Ademais, continúan as intervencións en marcha nas Xubias de Arriba, onde semanas atrás arrincaron os traballos para mellorar a accesibilidade nos pasos de viandantes da contorna do Hospital Marítimo de Oza.

Deja un comentario