Saturday 16 de August de 2025

Mila Castro propón a instalación de novos símbolos do colectivo LGTBIQ+ na vía pública de forma permanente


§ Destaca que este tipo de accións contribúen a “xerar un sentimento de seguridade e pertenza para quen forma parte do colectivo LGTBIQ+ e reforza o noso papel dunha Compostela diversa e orgullosa”

§ A concelleira non adscrita pide que se restitúan as cores do arco da vella nos arbustos da Alameda e que se estude a instalación de máis elementos

Mila Castro reclamou este sábado que se restitúan as cores do arco da vella nos arbustos da Alameda, na entrada próxima á Porta Faxeira, así como a instalación de novos símbolos do colectivo LGTBIQ+ na vía pública de forma permanente. A concelleira non adscrita insiste en que a presenza de este tipo de elementos procuran a “visibilidade das diversidades e disidencias sexuais e de xénero a través da normalización”: “a exhibición de símbolos LGTBIQ+ en espazos públicos pode xerar un sentimento de seguridade e pertenza para quen forma parte desta comunidade”.

Así, pide que se restitúa a bandeira do arco da vella que debuxaban o conxunto de arbustos sitos na Alameda, que se instalaran en xuño do 2021, sendo Castro a responsable de Parques e Xardíns, e empregando pinturas específicas. En todo caso, engade a concelleira non adscrita que o prioritario é desenvolver tamén actividades que “promovan a plena inclusión e poñan pé en parede aos discursos de odio que cuestionan consensos que se deran por conquistados”.

Castro pon o foco nun contexto nacional e global no que emerxen discursos que “buscan deshumanizar, sinalar e invisibilizar ás persoas LGTBIQ+, poñendo en risco avances fundamentais en igualdade, liberdade e dignidade”. Neste sentido, engade que no acordo de orzamentos ao que chegaron as concelleiras non adscritas e o goberno local para o ano en curso “incluíase un reforzo do plan de actividades dirixidas á educación sexual e afectiva da mocidade e propúñase abordar as políticas de igualdade de forma transversal”. Pide un maior esforzo ao executivo local nesta materia e que se manteñan outro tipo de accións, como os elementos LGTBIQ+ que xa había de forma permanente nos espazos públicos.

Deja un comentario