Saturday 16 de August de 2025

A Xunta apoia a transmisión de negocios en prol da Remuda Xeracional cunha liña específica de máis de 1M€ dentro da orde unificada de axudas aos autónomos


― Trátase dun dos cinco programas enmarcados na convocatoria única para este colectivo lanzada por primeira vez este ano cun orzamento global de máis de 40M€

― O Bono Remuda, co prazo aberto ata o 30 de setembro de 2025, inclúe dúas liñas, unha para negocios situados en concellos de menos de 10.000 habitantes e outra para os de municipios de 10.000 ou máis habitantes

― Como novidade destacada, inclúe axudas para os autónomos que traspasan o negocio por xubilación, ademais das incluídas para quen asume a empresa

― A orde única para persoas autónomas ofrece tamén outras axudas que estimulan desde o inicio de actividade, como a cota cero, ata a súa consolidación, así como tamén apoios á conciliación

A Xunta de Galicia lembra que, no marco da orde unificada de axudas para persoas traballadoras autónomas —dotada con máis de 40 M€ e aberta ata o 30 de setembro— conta cunha liña específica para facilitar a transmisión de negocios rendibles en prol da remuda xeracional e da vertebración do territorio cun orzamento total de máis de 1,2 M€. Esta medida concrétase a través do Bono Remuda con dúas liñas, o Bono remuda rural -para negocios situados en concellos de menos de 10.000 habitantes- e o Bono remuda xeral -para negocios situados en municipios de 10.000 ou máis habitantes- e nesta edición inclúe novidades.
Como novidade destacada, engádese -ás xa incluídas para quen asume a empresa- axudas para quen traspasa por xubilación. A achega será de 6.000 euros para os negocios situados en concellos de menos de 10.000 habitantes (Bono remuda rural) ou de 3.000 euros para os localizados en municipios de máis de 10.000 habitantes (Bono remuda xeral). Deste xeito, esta liña busca evitar o peche de negocios por falta de remuda xeracional, facilitando ao mesmo tempo que novas persoas emprendedoras asuman a continuidade de negocios xa viables economicamente.
A liña de Bono remuda rural está dotada con dotada con 750.000 euros e nela subvenciónase o 75% do prezo do contrato de remuda. No caso do Bono remuda xeral, con 500.000 euros, subvenciónase un 70% do prezo do contrato de remuda.
A contía máxima subvencionable por remuda é de 30.000 euros, agás nos casos nos que o obxecto da remuda estea constituído por unha licenza de actividade que habilite para o desenvolvemento da mesma, nos que a contía máxima será de 10.000 euros. No caso de acceder á remuda mediante alugueiro do local e/ou dos medios produtivos, a axuda a percibir será a correspondente aos primeiros 18 meses do alugueiro.
A intensidade da axuda que corresponda en cada caso e en calquera das liñas, poderá incrementarse un 5% máis sobre o total, nos casos -acumulables entre si- de que a persoa que adquire o negocio sexa unha muller, sexa menor de 30 anos na data da solicitude, teña 52 anos cumpridos na data da solicitude, que sexa desempregada de longa duración ou que o negocio que se traspasa teña máis de 5 traballadores.
Principais requisitos e orde unificada
Para que o traspaso sexa subvencionable, o negocio deberá ter o domicilio social, fiscal e o centro de traballo en Galicia e estar inscrito na bolsa de remuda da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego. Ademais, as motivacións aceptadas para o relevo son a xubilación ou proximidade da idade de xubilación da persoa titular ou causas sobrevidas, como a incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez, así como o falecemento da persoa titular.
As persoas interesadas poden consultar todos os detalles na orde unificada de axudas específicas a autónomos, cofinanciada parcialmente pola Unión Europea a través do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 e tamén neste enlace. Dos 40 M€ cos que está dotada esta orde, ademais da contía destinada ao Bono Remuda, case 29 destínanse ao programa de promoción do emprego autónomo, que consta de dúas liñas, unha para impulsar o inicio da actividade e o mantemento do emprego autónomo e outra coa que se garante a cota cero durante doce meses de actividade. Para o Bono Nova Oportunidade consígnanse 1,5 millóns de euros, mentres que os apoios do Bono Autónomo contan con 8 millóns e o programa de conciliación conta con 1 millón de euros.

Deja un comentario