
O artista arxentino actuará este domingo 17 a partir das 22.00 horas na praza de María Pita
As Festas de María Pita recibirán este domingo a un dos grandes nomes da música en español: Coti. O cantante, músico e compositor arxentino subirá ao escenario da praza de María Pita ás 22.00 horas, dentro do ciclo Noites de María Pita, para presentar o seu espectáculo ‘20 TOUR 25’, un percorrido polos temas máis emblemáticos da súa traxectoria e polas cancións que compuxo para outros artistas e que se converteron en éxitos internacionais.
“O concerto de Coti é unha das citas destacadas da nosa programación, un espectáculo pensado para todo tipo de públicos e que nos permitirá gozar dalgúns dos himnos máis recoñecidos do pop latino dos últimos vinte anos”, sinalou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo. Con once discos e trinta singles editados como solista, Coti é autor e intérprete de cancións icónicas como ‘Nada fue un error’, ‘Antes que ver el sol’, ‘50 horas’ ou ‘Otra vez’. Tamén asinou composicións de éxito mundial como ‘Color esperanza’ ou
‘Dónde están corazón’, levadas ao número 1 por artistas como Enrique Iglesias. Ao longo da súa carreira obtivo galardóns como dous Grammy, o Premio Ondas, o Gardel, o Oye ou doce premios ASCAP nos Estados Unidos.
En 2025, Coti celebra o vixésimo aniversario do seu álbum Esta mañana y otros cuentos, un traballo que o catapultou á fama e que agora revive en directo con novas versións e colaboracións. O público coruñés poderá escoitar tamén os seus últimos lanzamentos, entre eles a súa reinterpretación de ‘Dónde están corazón’ xunto a Valentino Merlo. A súa proposta combina enerxía, emoción e proximidade, nun formato eléctrico que conecta co público dende o primeiro acorde. Dispositivo especial de transporte
Hai en marcha un dispositivo especial de transporte urbano durante as Noites de María Pita os días 1, 2, 3, 4, 5, 10, 11, 12, 13, 14, 15, 17 e 25 de agosto. Haberá saídas desde Porta Real a partir das 00.00 horas, hora prevista da finalización dos concertos.
O dispositivo consiste nunha liña identificada como 1 que dará cobertura ás zonas da Palloza, Gaiteira, Os Castros, Castrillón e Avda. de Monelos, unha liña identificada como 1A para as zonas de Catro Camiños, Salvador de Madariaga, Matogrande e Eirís, unha liña identificada como 3 que dará servizo ás zonas de Durmideiras e Monte Alto, unha liña identificada como 3A que dará servizo ás zonas de Labañou e Os Rosales, unha liña identificada como 6 que saíndo de Porta Real e que entrará por Juana de Vega á Praza de Pontevedra, Avda. de Fisterra, Ventorrillo e Meicende, unha liña identificada como 7 que saíndo de Porta Real entrará por Juana de Vega para dar servizo ás zonas de Peruleiro, Rolda de Outeiro, Ventorrillo e Vila de Negreira, unha liña identificada como 11 que saíndo de Porta Real pasará por Juana de Vega, Praza de Pontevedra, Juan Flórez, Pla y Cancela e Os Mallos, unha liña identificada como 21 para dar cobertura a Ramón y Cajal, Pablo Picasso, Birloque e Novo Mesoiro. A estas liñas súmase a identificada como 24, que dará servizo ao barrio de A Zapateira.
Por outra banda, a partir da 00:05 horas entrará en servizo un servizo nocturno, no sentido inverso ao habitual, Porta Real – Os Castros – Castrillón – Monelos – Eiris – Palavea – Rolda de Outeiro. A partir da 00:30 horas entrará en servizo outro servizo nocturno, no sentido de circulación habitual Labañou – Rolda de Outeiro – Birloque – Novo Mesoiro.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.