
O Concello promove esta iniciativa, na que participan comerciantes e pequenos produtores da Coruña e os municipios da área. Ademais, haberá actividades de ocio para todos os públicos, desde as 10.00 horas
O mercado ecolóxico municipal, promovido polo Concello da Coruña, volve mañá ao parque Europa, onde pequenos comerciantes da cidade e da área metropolitana habilitarán os seus postos de venda, con produtos de proximidade e, ademais, haberá unha ampla programación de actividades de ocio para todos os públicos, que chega ao abeiro das festas de barrio na Gaiteira.
A concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas, puxo en valor esta iniciativa coa que o Goberno de Inés Rey busca apoiar e visibilizar pequenas empresas e firmas que se abren camiño nos eidos da agricultura ecolóxica e da artesanía, entre outros sectores. “Facémolo, ademais, apostando por un formato que toque de preto os barrios, con localizacións diversas ao aire libre, como o Campo da Leña, a praza da Tolerancia e, neste caso, o parque Europa”, apuntou Cabanas.
A xornada deste sábado 16 arrincará coa apertura dun espazo de dinamización infantil que estará aberto ás crianzas de 10.00 a 15.00 horas, en paralelo co desenvolvemento de actividade dos diversos postos de venda. A programación orientada ás máis pequenas e pequenos tamén incluirá o troco de libros e un obradoiro infantil onde as nenas e nenos poderán aprender a elaborar xoguetes mediante materiais reciclados. O taller, que será de balde, terá lugar de 11.30 a 12.30 horas e será preciso inscribirse previamente. A capaciade máxima será de 15 persoas.
Xa para rematar a mañá, ás 13.00 horas, Erik Le Peich ofrecerá un concerto onde versionará clásicos e grandes éxitos do pop, rock, indie e reggae, co que pechará así unha mañá chea de actividades e propostas para todas as idades.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.