Friday 22 de November de 2024

O Concello de Brión súmase á campaña de Alhambra Internacional de recollida de artigos de primeira necesidade para o campo de refuxiados de Lesbos


Fai un chamamento á colaboración da veciñanza, que pode entregar os artigos na tenda “Lápices” de Bertamiráns os días 28, 29 e 30 de marzo

O Concello de Brión colaborará coa asociación Alhambra Internacional na súa campaña de recollida de artigos de primeira necesidade para o campo de refuxiados na illa de Lesbos, a onde chegan cada día uns 2.000 refuxiados sirios. Unhas doazóns que poderán entregarse na tenda “Lápices” de Bertamiráns (na rúa Agrelo, 12, fronte á Ferretería Gesto) os días 28, 29 e 30 de marzo en horario de 10:00 a 13:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.

O Concello de Brión xa fixo un chamamento á colaboración da veciñanza de Brión e, en especial, á rede solidaria municipal artellada baixo “Brión solidario”. Os materiais máis necesarios nestes momentos son:

 mantas novas ou usadas / sacos de durmir
 tendas de campaña
 leite infantil e biberóns
 comida enlatada (preferiblemente non de porco)
 material de hixiene (xabón, pañais, compresas…)
 roupa de abrigo e calzado de inverno (non rotos)
 material escolar
 xoguetes
 menciñas, material de ortopedia (muletas, prótesis, cadeiras de rodas…), respiradores infantís, material médico e hospitalario. Este material irá directamente aos hospitais, que non dispoñen de nada.

O material recompilado será entregado en caixas pechadas e co peso aproximado para facilitar o seu transporte, xa que a asociación Alhambra Internacional dispón dun transporte solidario en colaboración coa Fundación Seur a custe cero. É dicir, non haberá intermediarios e o material que doe a veciñanza será levado ata o campamento de refuxiados por voluntarios da asociación. A única condición indispensable é que todo vaia en caixas precintadas e co seu peso aproximado, para facilitar así o seu transporte.