
Hoxe, 15 de agosto, botou andar a festa do Carme dos Pincheiros, cunha programación que encherá ao longo destes catro días as rúas da Pobra de música e animación. A cita, organizada pola Comisión de Festas Carme dos Pincheiros en colaboración co Concello e a Xunta de Galicia, estenderase ata o 18 de agosto, ofrecendo un completo programa no que os xigantes e cabezudos compartirán protagonismo coa música, os xogos e os xa clásicos San Juerguines.
As Veteranas do Club Remo Puebla asumiron este ano o pregón que, desde o balcón da casa consistorial, supuxo o inicio deste período festivo. A súa elección foi unha merecida homenaxe ás mulleres que levan o nome da Pobra aló a onde e que este ano lograron facerse co Campionato Galego de Veteranas.
“Para nós é un orgullo inmenso estar hoxe aquí como pregoeiras do Carme dos Pincheiros”, comezaron, destacando que “quen nos ía dicir que aquilo que comezou cun inocente paseo pola ría, nos ía levar co tempo a acadar tantos logros”.
As veteranas aseguraron que “significa moito para nós ser pioneiras e referentes para outras mulleres. Xa había remeiras, pero non nesta categoría. Comezamos nós e agora xa somos 5 clubs os que competimos, e seguirán medrando”. Nun día tan importante para o municipio, quixeron botar a vista atrás a xaneiro deste ano, cando na noite de Reis as instalacións do club sufriron un grave incendio “aló foron embarcacións, bandeiras, trofeos… todo o acadado ao longo dos 46 anos de camiño. Esa noite A Pobra chorou polo club de remo, pero tiñamos que seguir remando e, grazas ao gran apoio do noso Concello, clubs, organismos e, en especial, a todas as persoas que achegaron o seu gran de area, ás dúas semanas estabamos de volta no mar”.
Un deporte que definen como “unha atrevida aventura” e do que “aprendemos moitísimas cousas, entre elas lembramos algo moi importante: a idade é só un número, nunca un obstáculo”. Unhas palabras coas que deron o pistoletazo de saída, de maneira oficial, á programación festiva.
A programación
Rematada a súa intervención, ás 22.00 horas comezou a ambientación musical incluída no programa Verán Culural do Concello. A praza Alcalde Segundo Durán acolle os concertos da banda de versión Ajencia Trivutaria (22.00 horas) e de Martin Human (23.00 horas). O remate da festa correrá a cargo de Chocolate Disco Móvil.
A troula continuará o sábado, 16 de agosto, ás 11.00 horas coa música da Banda de Música de Rianxo, da Banda de Gaitas Os Castros de Ames, o Grupo de Gaitas Xiada, Os Caraveiros, o Grupo de Gaitas O Ar de Loureda e o Grupo de Gaitas Os Argalleiros. Ás 12.30 horas tomarán a remuda os xigantes e cabezudos ao son do Grupo de Gaitas Trécola e, entre as 12.00 e as 14.00 horas, haberá tamén xogos populares no Cantón da Leña. A Banda de Música de Rianxo realizará un recital ás 13.00 horas nos xardíns de Valle-Inclán.
Os San Juerguines serán unha das actividades máis agardadas no sábado. Comezarán ás 13.30 horas cunha sesión vermú na que actuarán Mekánika Rolling Band e na que haberá, ademais, unha sesión DJ. Ás 16.30 horas terá lugar a Festa da Auga, un clásico nestas festas e na que se prevé a participación de centos de persoas. Nese momento, as rúas do núcleo urbano convértense nunha auténtica batalla na que o obxectivo é mollar a calquera persoa que pase pola zona. Ás 18.00 horas terán lugar as Olimpíadas Pincheiras e, ás 22.00 horas, a festa continuará con Planet Disco Móvil, Mateo Abelleira e Tito Maverick.
En paralelo, haberá tamén unha actuación da Orquestra Mar Azul (22.30 horas) e Condutores Suicidas (00.00 horas), banda tributo a Sabina.
O domingo, 17 de agosto, as propostas arrincarán tamén ás 11.00 horas coa música da Banda de Música de Rianxo, da Banda de Gaitas Os Castros de Ames, o Grupo de Gaitas Xiada, Os Caraveiros, o Grupo de Gaitas O Ar de Loureda e o Grupo de Gaitas Os Argalleiros. Ás 11.30 horas haberá unha entrada na vila e un desfile da Banda Militar da Brilat, que tamén dará un concerto ás 12.00 horas no Campo da Leña. A continuación, a Banda de Música de Vilaboa (ás 13.00 horas) fará o propio, ofrecendo un recital nos xardíns de Valle-Inclán. Ás 18.30 horas terá lugar a misa solemne e a procesión na honra da Virxe do Carme. A Asociación de Amas de Casa e da Confraría de Pescadores fará unha ofrenda no pantalán.
A Olimpus actuará ás 22.30 horas e o remate da xornada estará marcado por Chocolate Disco Móvil.
O luns, 18 de agosto, os xigantes e cabezudos farán acto de presenza ás 12.30 horas. Entre as 12.00 e as 14.00 horas os máis pequenos e pequenas da casa gozarán da Pincherolandia e da festa da espuma na praza Alcalde Segundo Durán (haberá un segundo pase entre as 17.00 e as 19.00 horas) e, ás 13.00 horas, está previsto o concerto da Banda de Música de Lantaño nos xardíns Valle-Inclán.
Ás 20.00 horas levarase a cabo un desfile de despedida dos xigantes e cabezudos acompañados polos grupos de gaitas. O remate do Carme dos Pincheiros chegará cunha actuación do grupo The Broken Peach (22.30 horas), coa gran queima de fogos artificiais e combate naval (00.15 horas) e coa sesión de Chocolate Disco Móvil (00.30 horas).
Espazo violeta
Durante os catro días de festas, a concellería de Igualdade porá en marcha, un ano máis, un conxunto de medidas centradas en que as festas do Carme dos Pincheiros se desenvolvan nun ambiente seguro e respectuoso, libres de agresións machistas.
Habilitarase un espazo violeta na praza Alcalde Segundo Durán o venres 15, domingo 17 e luns 18 o horario será de 23:00 a 01:00 horas, mentres que o sábado 16 ampliará o seu horario desde as 20:00 ata as 01:00 horas.
Ademais, repartiranse materiais para promover a mensaxe da campaña, entre elas pegatinas antisubmisión, saquetas, mochilas, chapas, bolígrafos, panoletas, sombreiros e folletos informativos con indicacións sobre como actuar no caso dunha agresión sexual e cos recursos telefónicos dispoñibles en galego, castelán e inglés. Ademais, nos establecementos hostaleiros colaboradores haberá planos coa localización e horarios do Espazo Violeta.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.