
O Boletín Oficial da Provincia publicou o mércores 13 de agosto o extracto da convocatoria de axudas municipais destinadas a colaborar coas familias nos gastos de escolarización da rapazada, así como naqueles custes dos estudos da mocidade que vai estudar fóra do municipio, sempre e cando o fagan en centros públicos. As axudas teñen unha dotación económica de 25.000 euros distribuídos do seguinte xeito: 12.350€ para os estudos posobrigatorios -ata 800 euros por bolsa-, 10.750 euros para os obrigatorios -até 200€ por nena ou neno- e 1.500 euros no caso de 2º Ciclo de Educación Infantil, onde cada solicitante poderá obter 100 euros. Para completar os 25.000 euros da partida restarían 400, que se reservan para posibles situacións socioeconómicas especiais, cubertas ademais polos fondos de emerxencia social do Concello. Toda a documentación relativa a esta convocatoria está xa dispoñible na Sede Electrónica municipal. O trámite pode facerse desde o 14 de agosto ata o 30 de setembro, ambos incluídos.
San Sadurniño é un dos municipios galegos que máis destina a colaborar coas familias que teñen rapazada ou mocidade estudando. Tal e como destaca o alcalde, Secundino García Casal, “seguimos sendo un Concello de referencia pola contía que dedicamos ás bolsas e polos importes unitarios de cada unha delas. É un esforzo económico importante para o Concello, que nós vemos como un investimento nas familias e no futuro das nenas e nenos e das mozas e mozos que estudan fóra. O ensino é o seu dereito e temos a obriga de facilitarlles as cousas no que poidamos”.
Os importes e os criterios para acceder ás bolsas non varían con respecto ao ano pasado, manténdose os umbrais de renda para que as axudas cheguen a máis persoas. Ademais, a convocatoria volve facerse a finais do verán, “para que poidan resolverse ao longo do primeiro trimestre do curso por ser o momento en que as nais e pais deben soportar maiores gastos”, engade García Casal.
Os 25.000 euros dispoñibles na partida distribuiranse en tres liñas: 1.500 euros para 2º Ciclo de Educación Infantil -San Sadurniño segue sendo dos poucos municipios que habilita axudas para a rapazada máis pequena, cuxa escolarización é volutaria-, 10.750 euros para estudos obrigatorios e 12.350 euros destinados aos estudos posobrigatorios.
Os 400 euros restantes até completar o orzamento total destinaranse a atender posibles casos específicos que malia non cumprir documentalmente cos requisitos, si teñan dereito ás axudas por causa da súa realidade familiar, previo informe dos Servizos sociais e da área de Igualdade. Cómpre ter en conta, ademais, que as familias con menos recursos están cubertas en canto a gastos de escolarización por medio da partida reservada nos orzamentos municipais para casos de emerxencia social.
As contías máximas por solicitude de cada tipo de axuda serán de ata 100 euros para 2º de Educación Infantil, outros 200 euros de tope por alumno/a en estudos obrigatorios e ata 800 se a axuda é para estudos postobrigatorios. Esta última asignarase mediante unha fórmula que ten en conta o expediente académico e a situación económica.
Para percibir as bolsas, as rendas da unidade familiar non deberán superar os 12.000 euros no caso de 2º de Educación Infantil e os 25.000 euros nas bolsas de estudos postobrigatorios. A achega para a formación obrigatoria -Educación Primaria e ESO- segue vinculada co cheque para material que outorga a Xunta, de maneira que non está suxeita a xustificación perante o Concello de niveis de renda. Dito doutro modo, para obter a bolsa municipal de ata 200 euros (a contía final dependerá do número de solicitudes) abondará con presentar a documentación esixida nas bases, acompañada da certificación conforme a nena ou neno é beneficiario do cheque autonómico.
Se as familias o autorizan na solicitude, o Concello comprobará de oficio o listado de alumnado con cheque, de maneira que non será necesario presentar o certificado. Se se trata de rapazada de San Sadurniño que, por proximidade xeográfica, estude noutro colexio público da nosa zona -como pode ser o CEIP San Ramón de Moeche ou o Mosteiro de Caaveiro da Capela-, as familias deberán solicitar a certificación na secretaría do centro e adxuntala á solicitude da axuda.
Por outra banda, as bases das bolsas escolares tamén establecen que o Concello poderá mover as cantidades sobrantes dunha liña que non se asignase na súa totalidade cara a outra na que haxa máis peticións que orzamento dispoñible.
As axudas poderán solicitarse entre o 14 de agosto e o 30 de setembro, ambos incluídos. As peticións e a documentación requirida hai que rexistralas a través da Sede electrónica municipal ou presencialmente no Concello en horario de mañá. De acordo coa normativa que regula as relacións coas Administracións públicas, a documentación incluso se podería enviar por correo postal dentro do prazo sinalado.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.