Thursday 14 de August de 2025

A Gaiteira, Eirís, O Castrillón, Sagrada Familia e Pedralonga celebran este mes de agosto as súas festas de barrio


O evento Lembranza Rock levará este sábado ao parque Europa a Sés, Ruxe Ruxe e Rebeliom do Inframundo

As festas dos barrios da Coruña tampouco descansan no mes de agosto, durante a celebración das Festas de María Pita. Ata catro barrios celebrarán esta e a próxima semana os seus festexos: A Gaiteira, O Castrillón, Sagrada Familia e Pedralonga. As festas son financiadas polo Concello a través do plan de apoio ás entidades veciñais para a celebración das súas festas patronais. Dita liña de subvencións conta cun orzamento total de 500.000 euros para todas as celebracións tradicionais dos barrios. “Desde o Goberno de Inés Rey apostamos este ano por mellorar o proceso de concesión de axudas para que os diferentes barrios celebren as súas festas, dándolle ás asociacións unha maior autonomía para que confeccionen os programas”, indica Gonzalo Castro.

Do venres 15 ao domingo 17 celebraranse as festas do barrio da Gaiteira, con numerosas propostas musicais e de ocio para todos os públicos. Este venres ás 11.00 haberá alborada con Os Gaiteiriños, sesión vermú (13.00 horas) con Os Piñeiros Band e concerto(21.30 horas) de La Piel del Oso na rúa da Gaiteira. O sábado continuarán as festas cunha nova alborada (11.00) de Son d’aquí. Haberá tamén mercado ecolóxico municipal no parque Europa desde as 11.00 horas. Pola tarde, haberá pasarrúas (16.00 e 17.00), xogos populares (de 17.00 a 20.00), actuación de De la Cream do programa Cascarillarte (19.30) e pregón a cargo de Marisol Soengas (20.45).

O sábado, dentro tamén deste programa de festas, celebrarase no parque Europa o evento Lembranza Rock, que contará, desde as 21.00 horas, con Rebeliom do Inframindo, Sés e Ruxe Ruxe. Xa o domingo haberá alborada (11.00) de Aturuxo, sesión vermú (13.00) con Pablo Díaz e concerto (19.00) con Zeltia Irevire.

O vindeiro martes 19 celebrarase en Eirís unha nova edición da Festa da Fresa. Ás 12.00 horas abrirá os festexos a agrupación Folerpas. Logo haberá unha visita guiada ás hortas ecolóxicas (12.30), festa da escuma (13.00) e sesión vermú co dúo Élite (14.00). Xa pola tarde actuará o grupo de baile tradicional de Donaire (17.00), haberá dobre sesión de Cascarillarte con A Tropa de Trapo (18.00) e Brais das Hortas (19.45) e partido de fútbol xuvenil masculino entre o Eirís SD e o Relámpago de Elviña (18.00).

Ás 18.30 abrirá a exposición dos amorodos e ás 19.00 procederase á tradicional degustación gratuíta. Ás 19.00 horas tamén se celebrará o partido de fútbol feminino entre o Eirís SD e o Relámpago de Elviña. Pechará a xornada deportiva o partido de fútbol masculino entre Eirís SD e Liceo de Monelos. A Festa da Fresa concluirá con música, co concerto de Culimaia (21.00) e a actuación da orquestra Metrópolis (23.00).

O Castrillón, Sagrada Familia e Pedralonga tomarán o relevo

Do mércores 20 ao venres 22 celebraranse as festas do Castrillón e Urbanización Soto na praza de Pablo Iglesias. O mércores haberá actuación de Pansenfron (19.30), lectura do pregón a cargo do concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro (20.30) e concerto de
Son de Camagüey (21.00). O xoves a xornada comezará coa festa infantil (10.30) e seguirá cun intercambio de libros infantís xuvenís e de adultos (11.30) e festa da escuma (13.00). Ás 18.30 celebrarase a edición número 16 do Concurso de Tortillas e ás 22.00 comezará o concerto de Tam Tam Go!

O venres 22 haberá alborada a cargo de Son d’aquí (10.00) desde a praza da Concordia á praza de Pablo Iglesias, obradoiro de Marcapáxinas (11.00), intercambio de libros (11.30), función de Cascarillarte do grupo Muu (12.00) e sesión vermú coa charanga Santa Compaña (13.00). Pola tarde, pecharán os festexos os xogos e deportes tradicionais en colaboración co Museo Etnolúdico de Galicia (18.30) e a actuación da orquestra Los Players (22.00).

Ese mesmo venres 22 darán comezo as Festas da Sagrada Familia, que se prolongarán ata o domingo 24. Comezarán co pregón de Álex Bergantiños (21.30) e a actuación da orquestra Eureka. O sábado pola mañá haberá xogos infantís e festa da escuma na praza de San Rosendo e sesión vermú a cargo de Andrés Solórzano e DJ Takesound. Pola noite, celebrarase unha verbena con DJ Takesound e a orquestra Los Platinos. Os festexos concluirán o domingo 24. Desde ás 13.00 horas haberá unha pulpeira na pista polideportiva do barrio e actuacións da coral polifónica da Sagrada Familia e a Tuna de Veteranos.

Por último, o sábado 23 celebraranse, no aparcadoiro da Fábrica de Armas, as festas de Pedralonga. De 17.00 a 20.00 haberá actividades infatís gratuítas, incluíndo un espectáculo de maxia. Ás 20.00 comezará a churrascada, amenizada con gaiteiros, e pecharase a xornada cunha verbena a cargo da orquestra Pekados e unha sesión de fogos de artificio.

Deja un comentario