
O lendario artista granadino estará na Coruña o 21 de febreiro de 2026
Miguel Ríos, considerado un dos mellores artistas musicais de rock do país, estará na Coruña o 21 de febreiro de 2026 (21.00 horas), facendo parada na súa xira polos grandes teatros españois. O músico granadino actuará no Teatro Colón e as entradas para o espectáculo xa están á venda a través do despacho de billetes da praza de Ourense e Ataquilla.
Miguel Ríos volve este 2025 á estrada coa súa ‘El último vals’. Será un percorrido polos mellores teatros nacionais que comezará en outubro e visitará os escenarios máis emblemáticos do territorio nacional como o Liceo de Barcelona, o Teatro Price de Madrid, a Maestranza de Sevilla ou o Teatro Colón da Coruña. “Desde o Goberno de Inés Rey seguimos apostando polos grandes acontecementos musicais na nosa cidade, situándonos ao nivel de programación das grandes cidades estatais”, apuntou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
Nesta xira de concertos, Miguel Ríos presentará en directo o seu novo traballo acompañado no escenario por catro músicos multinstrumentistas que ofrecerán un formato electroacústico onde o rock e o country converxerán. O novo disco de Miguel Ríos, ‘El último vals’, sairá á venda tras o verán. Trátase dun traballo escrito polo músico granadino, producido por José Nortes e gravado en Black Berry Studios.
Un novo reto para un mito da música española que acaba de encher o Auditorio Nacional de México demostrando unha vez máis que tras 65 anos sobre os escenarios mantense incombustible, xenuíno e rockeiro como sempre o foi. Miguel Ríos é sen dúbida, unha homenaxe ao rock español.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.