
Reforzará a información sobre a próxima visita da unidade móbil ao concello, prevista para o martes 26 de agosto, de 9:30 a 14:30 h e de 15:30 a 21:00 h
Neda súmase á campaña especial de doazón de sangue que este verán está a impulsar a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), e unha unidade móbil visitará a localidade o vindeiro martes 26 de agosto. Permanecerá diante da casa da cultura durante toda a xornada, de 9:30 a 14:30 horas e de 15:30 a 21:00 horas. Previamente, e co ánimo de lograr a maior difusión posible da visita, recabando así a implicación da veciñanza, o Concello repartirá folletos con información básica sobre a doazón tanto nos edificios municipais como en establecementos con gran afluencia de persoas, como as panaderías locais.
Reforzará tamén a información con carteis e mensaxes periódicas a través das redes sociais municipais.
O obxectivo é contribuír a lograr as 27.000 doazóns de sangue que precisan os hospitais galegos durante este verán para atender a milleiros de doentes. Dende ADOS, lémbrase que en Galicia, necesítanse máis de 400 doazóns ao día. Unha cifra coa que dar resposta á inxente actividade hospitalaria. Na Comunidade, cada día atenden unha media de 2.800 urxencias, 800 intervencións quirúrxicas, 1 trasplante de órganos, 1.600 atencións nos hospitais de día e doentes de cancro e leucemia que precisan compoñentes do sangue. O reto non é sinxelo, especialmente no verán, a época na que descenden en maior medida as doazóns. De aí a importancia de buscar 15 minutos do noso tempo para realizar este acto solidario co que podemos salvar a vida de moitas persoas.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.