
Dous tractores traballan para rematar a roza doutros 200 quilómetros de pistas de monte antes de que remate setembro
O Concello de Frades vén de rematar a primeira fase dos traballos de roza dos máis de 600 quilómetros de pistas e estradas que compoñen a súa rede viaria municipal. A día de hoxe, estes traballos acometidos por dous tractores permitiron rozar máis de 400 quilómetros de estradas no municipio.
O concelleiro de Medio Rural e Limpeza Viaria, Manuel Ferreiro Marzoa, explica que “levamos rozadas máis de catrocentos quilómetros de pistas. Xa temos rozadas os máis de 300 quilómetros de estradas asfaltadas, ademais de dúas limpezas aos eixos principais aglomerados. Agora estamos traballando nas pistas de monte, onde nos quedan uns 200 quilómetros que agardamos ter finalizadas a finais de setembro para poder darlle unha segunda volta ás pistas asfaltadas”. Así, nesta semana os tractores estiveron rozando pistas de monte nas parroquias de Frades e Abellá.
Estes traballos uniranse aos que vai acometer a Brigada de Incendios do Concello de Frades, composta por cinco persoas. Mentres non estean traballando na extinción de lumes forestais, esta brigada encargarase de rozar outras 17 hectáreas de terreos de propiedade municipal como medida preventiva contra os incendios.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.