
· Na praza Alcalde Segundo Durán habilitarase un Espazo Violeta que funcionará o venres, domingo e luns de 23:00 a 01:00 horas e o sábado de 20:00 a 01:00 horas
· A iniciativa forma parte da campaña ‘Desmárcate! das violencias machistas’, impulsada pola concellería de Igualdade
A concellería de Igualdade da Pobra do Caramiñal porá en marcha, un ano máis, un conxunto de medidas centradas en que as festas do Carme dos Pincheiros se desenvolvan nun ambiente seguro e respectuoso, libres de agresións machistas. A iniciativa enmárcase na campaña ‘Desmárcate! das violencias machistas’, que busca sensibilizar e actuar contra a violencia de xénero e violencias sexuais nos espazos festivos.
Un dos piares da campaña no período estival será o Espazo Violeta habilitado na praza Alcalde Segundo Durán, onde se ofrecerá atención e acompañamento ás vítimas de calquera agresión sexista. O persoal encargado axudará ás persoas afectadas a xestionar a situación emocional e a poñer os feitos en coñecemento das autoridades, traballando en coordinación coa Policía Local e os servizos de emerxencia.
Este espazo estará operativo os catro días das festas. O venres 15, domingo 17 e luns 18 o horario será de 23:00 a 01:00 horas, mentres que o sábado 16 ampliará o seu horario desde as 20:00 ata as 01:00 horas.
Ademais, repartiranse materiais para promover a mensaxe da campaña, entre elas pegatinas antisubmisión, saquetas, mochilas, chapas, bolígrafos, panoletas, sombreiros e folletos informativos con indicacións sobre como actuar no caso dunha agresión sexual e cos recursos telefónicos dispoñibles en galego, castelán e inglés. Ademais, nos establecementos hostaleiros colaboradores haberá planos coa localización e horarios do Espazo Violeta.
A concelleira de Igualdade, Estefanía Ramos, subliñou que “o obxectivo é que todas as persoas poidan gozar das festas sen medo. Queremos que A Pobra sexa un lugar no que se respectan os nosos dereitos e que se alguén precisa axuda saiba onde atopala”. Engadiu que “a presenza do Espazo Violeta non só serve para atender posibles casos, senón tamén para concienciar á cidadanía sobre a importancia de rexeitar calquera forma de violencia machista”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.