Thursday 14 de August de 2025

Caión volverá vivir catro días cun mar de música e actividades na quinta edición dos rueiros da vila


Encabezan o cartel dous referentes do talento musical local como Talesien e Zavala & Atalaias de Caión

Entre o latexo das ondas e o son da música, Caión vestirase de festa do 21 ao 24 de agosto coa 5ª edición dos Rueiros da Vila, o festival que converte as rúas, prazas e recunchos máis emblemáticos da vila nun gran escenario ao aire libre. Música para todos os gustos, propostas culturais, actividades para os máis pequenos e percorridos guiados darán vida a un evento ideal para desfrutalo en familia e que se suma á experiencia de gozar dun día de praia en Caión ou un paseo pola vila mariñeira.

O festival foi presentado hoxe nas instalacións da Oficina de Información Turística de Caión polo alcalde, José Manuel López Varela, a concelleira de Cultura, Patricia Bello, e Borja Mahoney en representación de Sincro Audiovisual, a produtora que xestiona o programa.
Do mesmo xeito que nas anteriores edicións, contarase con catro escenarios principais —Cárcere Vello, Patio, Salseiras e Rueiro das Figueiras— que ofrecerán concertos de estilos variados, desde o rock máis potente ata os sons mestizos ou o folk. O lema dos Rueiros da Vila, “Mar, surf, música, historia, tradición, gastronomía”, resume o espírito dun evento que xa é un aliciente turístico chave para o concello da Laracha en particular e a Costa da Morte en xeral.

Entre as citas máis esperadas destacan como referentes do talento musical local Tálesien (venres 22, Escenario Patio, 22:00 h) e Zavala & Atalaias de Caión (sábado 23, Escenario Patio, 22:00 h). O cartel complétase con bandas como Terror Erótico, Breo, Error + SkaiS, Luama Son Sistema, True Mountains, Incurable e Baliza.

O público infantil tamén terá o seu espazo cos Rueiros Pequeniños, que inclúen o obradoiro Ruada Baleira (xoves 21, 17:00 h) e o espectáculo Consertaso na Horta de Brais das Hortas (domingo 24, 17:00 h). Ademais, o venres 22 farase o Roteiro da Vila, percorrido guiado por Caión que permitirá descubrir a súa historia e tradicións.

Os Rueiros da Vila teñen os seus propios perfís nas redes sociais Facebook, Instagram e Youtube, nos que se ofrecerá información puntual sobre todos os eventos que se desenvolverán nesas datas en Caión, incluíndo posibles cambios de escenario se as condicións climatolóxicas así o aconsellan.

José Manuel López Varela considera que os Rueiros da Vila están “consolidados na programación da Costa da Morte no mes de agosto” e salientou a “satisfacción por poder ofrecer por quinto ano consecutivo un programa tan variado”. O alcalde concluíu cunha “invitación a que a xente veña e desfrute de Caión”.
Borja Mahoney, responsable de Sincro Audiovisual, referiuse á programación como “nutrida, variada, 100 % gratuíta e cun concepto para poder desfrutar dela en familia” tanto polos contidos como polos horarios. Apuntou que as propostas “son innovadoras para que todas as persoas que veñan se marchen co mellor recordo posible de Caión. E tamén fixo un percorrido por todas as edicións dos Rueiros da Vila, que cando finalicen este ano a quinta terán ofrecido 69 eventos en 29 días de programación. Neste sentido, referiuse á “sustentabilidade” do festival, tanto polas características dos escenarios como polo exquisito comportamento do público asistente.
Os Rueiros da Vila son promovidos polo Concello da Laracha, xestionados por Sincro Audiovisual, e contan coa colaboración da Deputación da Coruña, a Confraría de Pescadores de Caión e o Museo do Arquivo da Pesca.

Deja un comentario