Thursday 14 de August de 2025

O Concello de Santiago mellora a cuberta e a accesibilidade do pavillón Quiroga Palacios cun investimento de máis de 370.000 euros


O Concello de Santiago está a executar, durante os meses de verán, as obras de mellora da cuberta do pavillón municipal Quiroga Palacios, un espazo que funciona tamén como patio de uso diario para o alumnado do CEIP. A intervención, cun investimento de 337.396,58 euros e un prazo de execución de dez semanas, busca resolver as filtracións de auga detectadas de forma recorrente e mellorar a accesibilidade ao recinto.

En paralelo a esta intervención principal, o Concello está a desenvolver outra actuación para incrementar o aforo do pavillón, actualmente limitado a 100 persoas por carecer dunha saída de evacuación axeitada, cun investimento de 50.000 euros aproximadamente. Coa nova saída lateral, que contará cunha rampla de conexión á rúa, a capacidade máxima pasará a ser de 399 persoas, cumprindo así a normativa vixente.

A concelleira de Educación, Míriam Louzao, explicou que “as actuacións permitirán dispoñer dun espazo máis seguro, accesible e funcional, tanto para o uso escolar como para actividades deportivas e sociais”. Engadiu ademais que “era unha obra necesaria para garantir a salubridade e habitabilidade do pavillón, ao tempo que o patio do CEIP sobre a súa cuberta se adapta ás esixencias actuais de accesibilidade universal e seguridade”.

A intervención abrangue a rehabilitación integral da impermeabilización da cuberta, a mellora das fachadas e do peto perimetral para eliminar puntos de entrada de auga e pontes térmicas, e a construción dunha rampla que substitúa o actual acceso por escaleiras, garantindo así o acceso a todas as persoas.

Nas primeiras semanas de obra completáronse as actuacións previas, coa demolición dos zócalos e petos da cuberta e a preparación das superficies para a nova impermeabilización. Tamén se executou un novo muro perimetral de formigón, que servirá de base para un cerramento metálico e a posterior habilitación dunha pista deportiva.

Na última semana xa se completou a colocación da nova impermeabilización e estanse a realizar as probas de estanqueidade que garantan que a execución foi correcta. Estase tamén executando a estrutura da nova rampla de acceso ao patio do CEIP.

Nas vindeiras semanas, instalarase un sistema de illamento polo exterior da fachada, que mellorará o comportamento térmico e a impermeabilización do edificio e continuarase coa execución do pavimento da pista deportiva, o seu pintado, e a instalación do valado perimetral.

O goberno local programou o inicio dos traballos ao remate do curso escolar para aproveitar os meses de verán e garantir que o espazo poida estar operativo no inicio do próximo curso.

Deja un comentario