Thursday 14 de August de 2025

O Plan de renovación dos centros cívicos arrincará en Labañou cun investimento de 620.000 euros para mellorar a súa envolvente e tamén a cuberta


A alcaldesa, Inés Rey, informou hoxe da adxudicación das obras no centro cívico, que contarán cun prazo de execución de catro meses

Ademais, o Concello renovará o seu apoio económico ao Básquet Coruña, co obxectivo de apoiar o club, que nas vindeiras semanas arrincará a competición na Primeira FEB

A alcaldesa, Inés Rey, informou esta mañá da adxudicación das obras de mellora previstas no centro cívico de Labañou, unha actuación que forma parte da primeira fase do Plan de renovación da rede de centros cívicos municipais da Coruña.

A intervención suporá un investimento superior aos 620.000 euros, necesario para completar a reforma parcial da envolvente do edificio e, ademais, substituír a cuberta por un sistema illante, instalar unha nova lumieira e renovar as ventás exteriores, ademais de mellorar as instalacións de servizos.

Esta mañá, a Xunta de Goberno Local deu luz verde a que os traballos sexan executados pola empresa Ábaco CR, que unha vez que comecen as actuacións, contará cun prazo de aproximadamente catro meses para completalas.

A rexedora lembrou que esta primeira fase de actuacións para renovar os centros cívicos da Coruña inclúe tamén as instalacións municipais de San Diego, O Castrillón e Os Rosales, o que suporá un investimento conxunto de máis de 1,5 millóns.

Oferta de actividades socioculturais

Na rolda de prensa deste mércores, Inés Rey tamén aproveitou para recalcar que, a inicios de setembro, entre os días 1 e 3, se abrirá a preinscrición nas actividades socioculturais que se levarán a cabo nos centros cívicos da Coruña ata finais deste ano.
“A oferta é de máis de 5.100 prazas, que se repartirán entre as 23 instalacións das que dispoñemos. Seguimos apostando polos centros cívicos como un espazo de convivencia veciñal e interrelación comunitaria, cunha programación para todas as idades e que contará con actividades específicas para a mocidade de menos de 12 anos e tamén para as persoas en idade máis avanzada”, apuntou.

Últimos pasos para a posta en marcha do plan formativo do programa Éfeso

Ademais, hoxe deuse un novo paso adiante de cara á posta en marcha dos itinerarios formativos incluídos no programa Éfeso Coruña, unha iniciativa coa que o Concello busca mellorar a inserción sociolaboral na cidade e, máis especificamente, en distritos onde hai unha taxa de desemprego máis acusada, como a Sagrada Familia, Os Mallos e Labañou.
“A posta en funcionamento do programa Éfeso é posible grazas ao traballo das e dos profesionais dos servizos municipais, que permitiu captar fondos do Fondo Social Europeo Plus e, desta forma, darlle continuidade á estratexia que xa seguimos no seu momento co programa Coruña Suma”, dixo Rey.

Neste sentido, hoxe adxudicáronse dez lotes formativos por valor de máis de 750.000 euros e que se impartirán ata finais de 2026. Os módulos están orientados á formación no eido sociosanitario, actividades auxiliares en materia comercial e tamén na hostalaría, así como no sector da Administración xeral. “Falamos de sectores nos que se detectan necesidades de persoal e que, polo tanto, precisan traballadores e traballadoras cualificados”, razoou a alcaldesa.

A estimación do Concello é que o proxecto Éfeso contribúa á formación de máis de 700 persoas. Moitas delas, mulleres en risco de exclusión social e que contan con diferentes trabas para se achegaren ao mundo laboral. O perfil de posibles demandantes tamén inclúe persoas desempregadas de longa duración ou maiores de 45 anos, mais tamén persoas estranxeiras ou nacionais con baixo nivel de estudos ou procedentes de contornas vulnerables.

1,6 millóns de euros no novo contrato de sinalización viaria

Por outra banda, hoxe déuselle luz verde á saída a concurso do contrato de sinalización horizontal, vertical e balizamento de espazos públicos, un servizo fundamental que lle permitirá ao Concello darlles continuidade ás medidas de reforzo na seguridade viaria que se están a implantar na cidade.
“Onte mesmo, a concelleira Montse Paz incidía no descenso continuado que vimos constatando no balance anual de accidentes de tráfico; tamén no de persoas feridas por atropelos. O noso obxectivo é seguirmos reducindo estas cifras, e por iso é necesario contarmos cun servizo coma este, que é clave en termos de mobilidade, e máis coa nova ordenanza camiño de aprobarse definitivamente”, explicou Rey.

A licitación deste contrato suporá un investimento de 1,6 millóns de euros ata o ano 2027.

O Concello renovará o seu apoio económico ao Básquet Coruña

Noutra orde de asuntos, hoxe aprobouse a modificación do obxecto da subvención nominativa que o Concello concede ao Básquet Coruña, co obxectivo de apoiar o club de cara á súa nova tempada na Primeira FEB.
“O Concello seguirá apoiando o Básquet Coruña, co obxectivo de velo novamente na elite do baloncesto nacional e, por iso, manteremos a nosa achega económica ao club este ano”, agregou a alcaldesa, Inés Rey
Ademais, a rexedora informou de que xa se está a ultimar o convenio de cesión para que o Leyma siga xogando no Coliseum e sexa novamente a súa casa no vindeiro curso.

Deja un comentario