
Gumersindo Guinarte c alerta da perda de pasaxeiros e conexións en Lavacolla e reclama ao goberno da señora Sanmartin un plan alternativo, ambicioso e coordinado co sector turístico para recuperar a conectividade e atraer visitantes todo o ano.
O voceiro do grupo municipal socialista, Gumersindo Guinarte, advertiu hoxe da “negativa evolución do noso aeroporto nos últimos dous anos”, á vista dos datos de xullo que confirman unha nova caída no número de pasaxeiros.
Guinarte subliñou que esta situación “non se explica exclusivamente pola chegada do AVE” e que “Galicia está desaproveitando unha infraestrutura extraordinaria para a conectividade aérea”. Criticou que “a Xunta de Galicia non ten política aeroportuaria” e que “leva máis de 15 anos os gobernos do señor Feijóo e do señor Rueda sen preocuparse en absoluto pola política aeroportuaria de Galicia”, instando ao goberno da señora Sanmartín a “tomar cartas no asunto” para deter a perda de conexións, especialmente internacionais.
“O noso aeroporto continua a perder constantemente pasaxeiros, cando foi o aeroporto que mellor se recuperou da pandemia dos aeroportos de primeiro nivel de España. Por tanto, se as actuais políticas de promoción non funcionan, pois haberá que tratar de buscar alternativas, haberá que poñer en riba da mesa alternativas ambiciosas, alternativas imaxinativas, poñerse a traballar cos sectores implicados no turismo, cos turoperadores, cos hoteis, que teñen interese en que Santiago teña conexións internacionais directas e teña boa conectividade aérea”, afirmou.
O voceiro socialista insistiu en que “se queremos desestacionalizar o turismo, se queremos ter un turismo de calidade, ter conexións aéreas internacionais directas e ter, tamén a nivel de España, boas conexións aéreas, é fundamental, é prioritario, porque iso é o que trae máis directamente o turismo de calidade e o turismo fora da temporada alta” e reclamou “medidas urxentes, ben coordinadas e eficaces” para recuperar o papel estratéxico do aeroporto de Santiago.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.