Thursday 14 de August de 2025

As obras de rehabilitación da pista polideportiva do Sanguiñal comezarán antes de finais de mes


A alcaldesa asistiu á acta de replanteo dos traballos, nos que o Concello de Lousame investirá case 50.000 euros

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e técnicos da empresa Pavimentos Noia, Obras e Contratas SL, veñen de desprazarse ata a pista polideportiva do Sanguiñal, na parroquia de Tállara, onde tivo lugar a acta de replanteo dos traballos de mellora desta instalación deportiva.

“Unha obra que dará comezo antes de finais de agosto”, adianta Villaverde Pais, quen explica que “reporemos unha parte da cuberta, que se desprendeu durante os temporais do pasado inverno, e aproveitaremos tamén para acondicionar as instalacións e os seus accesos para así poñelas a disposición da veciñanza nas mellores condicións posibles”.

Actuación integral

Uns traballos que inclúen actuacións en toda a instalación deportiva: estrutura, elementos de cuberta e laterais, así como nos seus accesos. As obras inclúen o desmonte de toda a estrutura, xa que a rotura das placas da cuberta, unidas á ausencia de canalóns e de baixantes para a recollida da choiva, causaban non só charcas na pista senón tamén óxido e corrosión nos principais elementos de anclaxe.

Por iso, unha das primeiras actuacións que se acometerán será a aplicación dun tratamento antioxidante tanto sobre a estrutura como sobre a nova cuberta de chapa de aceiro prelacado. Despois instalaranse cos correspondentes canalóns de aluminio e baixantes para a recollida de augas pluviais, que serán canalizadas a través dunha tubaxe cara unha arqueta sumidoiro e un novo pozo de rexistro que se instalará na contorna.

As obras na pista completaranse coa pavimentación dos accesos públicos á instalación. Trátase dunha superficie total de 210 m², entre o lateral da pista deportiva e o camiño de acceso dende a estrada DP-1104, que neste momento ten o seu firme moi deteriorado e con fochancas, ademais de ter que sortear unha alambrada. Isto fai que moitas persoas usuarias optasen por acceder ás instalacións deportivas a través do parque infantil da Escola Unitaria do Sanguiñal. Esta nova actuación permitirá ter dous accesos diferentes para dous públicos totalmente diferentes.

Antes da acometida destas obras, dende o Concello de Lousame procedérase á retirada das partes da cuberta caídas durante os temporais do inverno, así como a asegurar o resto de pezas da cuberta da polideportiva, evitando así calquera risco para as persoas usuarias. Porén, a pista non foi moi empregada xa que eses mesmos buratos facían que a pista non puidera ser utilizada durante os días de chuvia.

Deja un comentario