
Hoxe convocouse aos medios para presentar o espectáculo infantil “Coco, recuérdame” O Musical. Á presentación acudiu a concelleira de Cultura, Antía Alberte xunto ao promotor de Espectáculos Cantaruxa, David Sampedro.
A concelleira informou que hai unhas semanas xa se presentou o espectáculo de El Brujo para o 18 de outubro ao que se lle sumará outra proposta no auditorio, para a fin de semana anterior, o sábado 11 de outubro e para público infantil e de carácter familiar. “Nese día teremos a oportunidade de gozar do musical “Coco, recuérdame”, grazas á colaboración coa produtora local Espectáculos Cantaruxa, especializada na organización de eventos dende hai máis de dúas década”.
Este é un espectáculo, un musical de carácter familiar, que dende 2018 conquistou os escenarios máis prestixiosos de España, cun elenco de primeiro nivel e baseado na historia de Coco, de Disney Pixar.
Ofreceranse dous pases, ás 17:00 e ás 19:30 horas e as entradas estarán á venda dende o vindeiro luns 18 de agosto, cun prezo de 14 euros (máis gastos de xestión- quedando en 15,60 euros). É importante destacar que por motivos de aforo todas as persoas, independentemente da idade, deberán mercar a súa entrada.
Como sempre as entradas poderanse mercar online a través da plataforma ataquilla.com e tamén de xeito presencial na Oficina de atención cidadá da Casa do Concello en horario de 9 a 14 horas dende o luns 18 de agosto. Alberte rematou anunciando novas propostas, “con esta nova incorporación, xunto con outras que presentaremos en breve como a Mostra de teatro, configuraremos unha oferta moi completa e atractiva para o outono-inverno do auditorio municipal que xestiona a Concellería de Cultura”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.