
O Concello de San Sadurniño ofrecerá este outono un ciclo de formación financeira dirixido á veciñanza e impartido por persoal experto do Banco de España. A iniciativa, enmarcada no programa “Finanzas para todos”, desenvolverase na aula CeMIT local os días 22 e 29 de setembro e o 10 de outubro, en horario de 10:30 a 12:30 horas. As sesións están orientadas a mellorar os coñecementos e habilidades básicas en materia económica para a xestión cotiá das finanzas persoais. Trátase dunha formación gratuíta, práctica e aberta a todas as persoas interesadas, especialmente aquelas que queiran aprender a tomar decisións financeiras informadas nun contexto económico cambiante.
Na primeira xornada, o día 22 de setembro, analizarase como avaliar a saúde financeira persoal e o impacto da inflación. A idea é ofrecer ferramentas para diagnosticar e planificar a economía doméstica en tempos de incerteza.
A segunda sesión, prevista para o 29 de setembro, centrarase nos aspectos prácticos do uso de contas bancarias, tarxetas e medios de pago electrónicos. Tamén se tratarán cuestións clave sobre o financiamento de compras e a sinatura ou renegociación de hipotecas.
O ciclo pecharase o 10 de outubro cunha charla sobre banca en liña, comercio electrónico e aplicacións de pago como Bizum. Ademais, abordaranse distintas maneiras de protexerse fronte á ciberdelincuencia e as fraudes financeiras máis habituais.
As persoas interesadas poden inscribirse chamando ou enviando un WhatsApp ao número 616 016 793, ou ben escribindo ao correo electrónico cemit.sansadurnino@xunta.gal. Recoméndase reservar praza con antelación debido á capacidade limitada da aula.
Suspendida a convocatoria do Campamento Dixital
Por outra banda, desde a Aula Cemit informan da suspensión do Campamento Dixital previsto para o mes de agosto, debido a que non se acadou o número mínimo de inscricións. A actividade estaba dirixida a rapazada e adolescentes de entre 9 e 17 anos e formaba parte do programa estatal de fomento das competencias dixitais na infancia -CODI-, impulsado polo Ministerio de Xuventude e Infancia a través da Fundación Cibervoluntarios.–
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.