
O Concello de Boqueixón vén de conseguir unha subvención de case 60.000 euros para acometer unha importante mellora na eficiencia enerxética do pavillón polideportivo de Lestedo. Unha axuda conseguida polo equipo de Goberno ao abeiro do Fondo de Cooperación Local 2025, promovido pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, sinala que “despois das obras de renovación no pavillón do Forte, cun investimento tamén de 60.000 euros, seguimos cumprindo o noso compromiso de mellorar os espazos deportivos do noso municipio. Agora é a quenda do pavillón polideportivo de Lestedo, onde acometeremos traballos de mellora da cuberta e do illamento térmico da instalación, cun custe doutros 60.000 euros”.
O Concello ultima xa a licitación desta actuación para que as obras poidan comezar o antes posible. Uns traballos que mellorarán notablemente a comodidade da veciñanza e dos equipos deportivos que utilizan estas instalacións, reducindo os problemas de humidades.
Estas obras súmanse ás realizadas o ano pasado no polideportivo municipal do Forte, onde se resolveron os problemas de humidades no interior do pavillón debido aos danos existentes nas envolventes da instalacións. A maiores, instalouse un novo revestimento máis eficiente e se instalou auga quente sanitaria nos vestiarios.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.