Wednesday 13 de August de 2025

O goberno de Ponteceso dá un paso máis e logra reducir a débeda bancaria a cero


• O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, resalta que “as arcarcas municipais deixarán de estar lastradas por unha pesada lousa que nos oprimía dende hai unha década”.

• Con esta decisión, o Concello de Ponteceso é agora máis estable e robusto a nivel económico e financeiro, o que lle permitirá atraer máis investimentos no futuro.

• A redución da débeda conseguiuse grazas a unha “xestión cauta, responsable, eficiente e con sentidiño” dos fondos públicos, sen deixar de investir no municipio ou de prestar servizos á veciñanza.

• O pleno tamén deu luz verde a investimentos por valor de case 320.000 euros e decretou o 8 e o 14 de setembro como festivos locais para o ano 2026.

O goberno local de Ponteceso aprobou no pleno de onte reducir a débeda bancaria a cero. Deste xeito, o Concello saca de enriba “unha pesada lousa” que arrastraba dende hai máis dunha década, cunha débeda que ascendía ata arredor dos 1,6 millóns de euros.
Para este ano quedaban por amortizar arredor duns 400.000 euros, dos cales quedaban case 180.000 por saldar. Así, o pleno deu luz verde a amortizar este montante restante para facer que o Concello teña unha maior capacidade de investimento no futuro.
O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, isto “supón seguir dando pasiños cara adiante e que, con esta decisión, as arcas municipais deixarán de estar lastradas por unha pesada lousa que nos oprimía dende hai unha década”. Se ben recoñece que “estamos a apertar o cinto”, insiste en que “esta medida tomámola pensando no mellor para todos e todas as veciñas de Ponteceso, pois un Concello saneado é un Concello máis dinámico, robusto e con maior capacidade de atraer inversións”.
O rexedor pontecesán defende a “xestión cauta, responsable, eficiente e con sentidiño” dos fondos municipais que fai o seu goberno. Baseándose nos criterios “marcados sempre dende a intervención municipal, conseguimos algo que moitos nos dicían que era imposible: reducir a débeda bancaria a cero”. Mato fai fincapé en que esta redución da débeda logrouse “sen deixar de investir no noso municipio e na nosa xente, pois seguimos mellorando infraestruturas e mantendo e ampliando os servizos públicos”.
Así, o Concello de Ponteceso ten agora unha maior capacidade de atraer inversión e dedicar máis cartos a investimentos e servizos para a veciñanza, diñeiro que durante anos tivo que empregarse para amortizar un crédito bancario.
Luz verde a investimentos por valor de case 320.000 euros
No pleno de onte tamén se aprobaron dúas cuestións importantes para o municipio. A primeira delas é o proxecto de arranxo do camiño agrícola entre Brantuas de Arriba e Brantuas de Abaixo, que ascende a 116.670 euros e fora incluído no POS+Adicional da Deputación da Coruña no ano 2024.
A segunda é a participación do Concello no POS+Adicional 2025 da Deputación. Nel, o Concello recibe 294.738 euros, dos que 202.393 irán destinados a investimentos. Entra neste plan o acondicionamento dos camiños municipais na parroquia de Xornes, concretamente un en Froxán e outro en Viladesuso (59.420 euros); varias actuacións na parroquia de Cospindo, renovando o parque infantil do paseo fluvial e a renovación da rede de abastecemento de auga en Quinteira (67.598 euros); e a mellora da capa de rodadura dos camiños dende a Bugalleira ata o Rieiro (75.376 euros). Deste xeito, o pleno aprobou investimentos no concello por valor de 319.063 euros.
Por último, tamén se aprobaron os festivos locais en Ponteceso para o ano 2026, que serán o 8 de setembro, día da Nosa Señora do Faro; e o 14 de setembro, correspondente coa Barquiña.

Deja un comentario