
Os espectáculos terán lugar o xoves, 14 de agosto, e o venres, día 15, no Campo da Feira.
O Concello celebrará o xoves, 14 de agosto, e o venres, día 15, a décima edición do seu ciclo Músicas Íntimas. O programa volve con varias novidades, a primeira en relación ao formato dos espectáculos e a segunda en canto á localización dos mesmos. Por un lado, ademais de música, esta convocatoria incluirá tamén espectáculos de danza previos aos concertos, ofrecendo así ao público asistente unha experiencia máis completa. Pola outra banda, as actividades levaranse a cabo no Campo da Feira de Carral.
A primeira proposta terá lugar o xoves, 14 de agosto, ás 20.30 horas. Compañía de Danza será a encargada de inaugurar o ciclo con Un baile ceibe. Trátase dunha adaptación coreográfica de Ceibe, unha peza contemporánea de baile e música tradicional que afondará na relación entre o xénero e a nosa tradición. Ao longo do espectáculo, os bailadores convidarán ao público a reflexionar sobre as categorías de xénero e os estereotipos impostos socialmente para establecer distancia coa normatividade e construír novas formas de entender o corpo e o movemento.
Ese mesmo día, ás 21.00 horas, chegará Abril, un proxecto integrado por Claudia Abril (voz e percusións) e Marina Carpente (violín e voz). Ambas as dúas interpretarán distintas melodías tradicionais galegas e ibéricas, adaptándoas ás sonoridades actuais e cunha personalidade e frescura propias. No concerto soarán instrumentos como a pandeireta, o pandeiro ou o violín folk, dando como resultado un repertorio que combinará a tradición e a modernidade.
Programa do venres
Analepsis, de Paula Quintas será a función de danza que inaugurará a xornada do venres, 15 de agosto (ás 20.30 horas). Neste caso, trátase dun actuación de danza e circo na que se exporá unha historia de acción e reacción entre o corpo e o obxecto. Durante a mesma, o corpo verase sometido a diferentes experiencias acrobáticas e de funambulismo dirixidas polo obxecto.
O peche de Músicas Íntimas virá da man de SeKadra, un dúo galego-brasileiro formado a principios de 2022 e composto por Arturo Rúa (teclados e sintetizadores) e Paulo Silva (batería, percusión e sintetizadores). O dueto ofrecerá un recital baseado na música tradicional galega e con influencias da tradición escandinava, o jazz, a música flamenca e a brasileira. A pesar da súa curta traxectoria, SeKadra actuou xa en numerosos escenarios, salas e teatros de España e participou tamén no festival alternativo de recente creación “Sons D’Ardora”. O seu concerto arrincará ás 21.00 horas.
A entrada é gratuíta. As persoas interesadas en asistir poderán obter máis información sobre as distintas propostas na páxina web do Concello de Carral.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.