Tuesday 12 de August de 2025

Uxía chega ás Noites de María Pita para presentar a súa nova xira ‘Será por flores’


A cantareira de Mos contará este mércores coa colaboración de Rosa Cedrón, Devacas, A Pedreira, Budiño ou Quim Farinha

A praza de María Pita acolle este mércores 13 (22.00 horas) a estrea da nova xira de Uxía. Baixo o nome de ‘Será por flores’, a cantareira de Mos percorrerá unha decena de escenarios galegos. Neste o seu primeiro concerto contará coa colaboración de Devacas, Rosa Cedrón, Budiño, Uxía Pedreira, Luiz Caracol, Quim Farinha, As Mosas (Chus e Ana Senlle) e As Tareixas (Omara e Román). “Desde o Goberno de Inés Rey estamos moi orgullosos de que A Coruña sexa o punto de partida desta xira, o que reafirma o noso compromiso coa cultura galega, peza clave das nosas festas”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.

A praza de María Pita acollerá un espectáculo que evolucionará dende a intimidade ata o coral, cunha serie de convidadas especiais que marcaron o camiño artístico de Uxía. Máis ca un concerto, «Será por flores» é unha viaxe ás raíces galegas de Uxía, ás súas composicións propias e ás músicas que a inspiraron. Cunha posta en escena coidada e innovadora, este espectáculo reflicte a evolución constante da artista, mantendo a súa liberdade creativa e explorando novas formas musicais e escénicas.

A escenografía de Carlos Alonso, a iluminación de Daniel Juncal e o son de Tito Ledesma crearán un universo visual e sensorial que transformará o escenario nun xardín de música e poesía. Cada canción será unha flor que Uxía desvelará con coidado, convidando o público a mergullarse nunha experiencia inmersiva e chea de emocións.

A dirección musical estará a cargo de Pablo Novoa, acompañado dunha banda de músicos cómplices da súa traxectoria: Sérgio Tannus (guitarra, cavaquiño, viola caipira), Santi Cribeiro (acordeón), Isaac Palacín (percusión), Pablo Novoa (guitarra eléctrica barítono).

Dispositivo especial de transporte

Hai en marcha un dispositivo especial de transporte urbano durante as Noites de María Pita os días 1, 2, 3, 4, 5, 10, 11, 12, 13, 14, 15, 17 e 25 de agosto. Haberá saídas desde Porta Real a partir das 00.00 horas, hora prevista da finalización dos concertos.

O dispositivo consiste nunha liña identificada como 1 que dará cobertura ás zonas da Palloza, Gaiteira, Os Castros, Castrillón e Avda. de Monelos, unha liña identificada como 1A para as zonas de Catro Camiños, Salvador de Madariaga, Matogrande e Eirís, unha liña identificada como 3 que dará servizo ás zonas de Durmideiras e Monte Alto, unha liña identificada como 3A que dará servizo ás zonas de Labañou e Os Rosales, unha liña identificada como 6 que saíndo de Porta Real e que entrará por Juana de Vega á Praza de Pontevedra, Avda. de Fisterra, Ventorrillo e Meicende, unha liña identificada como 7 que saíndo de Porta Real entrará por Juana de Vega para dar servizo ás zonas de Peruleiro, Rolda de Outeiro, Ventorrillo e Vila de Negreira, unha liña identificada como 11 que saíndo de Porta Real pasará por Juana de Vega, Praza de Pontevedra, Juan Flórez, Pla y Cancela e Os Mallos, unha liña identificada como 21 para dar cobertura a Ramón y Cajal, Pablo Picasso, Birloque e Novo Mesoiro. A estas liñas súmase a identificada como 24, que dará servizo ao barrio de A Zapateira.

Por outra banda, a partir da 00:05 horas entrará en servizo un servizo nocturno, no sentido inverso ao habitual, Porta Real – Os Castros – Castrillón – Monelos – Eiris – Palavea – Rolda de Outeiro. A partir da 00:30 horas entrará en servizo outro servizo nocturno, no sentido de circulación habitual Labañou – Rolda de Outeiro – Birloque – Novo Mesoiro.

Deja un comentario