Tuesday 12 de August de 2025

A figura de Mafalda únese á colección do Viñetas desde o Atlántico


A alcaldesa, Inés Rey, participou no acto de descubrimento en Palexco, onde permanece aberta a mostra ‘Quino na música’

A alcaldesa, Inés Rey, participou esta mañá no acto de descubrimento da nova figura da colección do Viñetas desde o Atlántico, certame que arrincou onte e que se prolongará ata o domingo 17 coa presenza de máis de 70 autores e autoras, 20 mostras e diferentes propostas musicais, de ocio e gastronómicas. A nova personaxe é Mafalda, creación do autor arxentino Joaquín Salvador Lavado, coñecido como Quino, que permanecerá en Palexco.
“Este ano escollemos a figura de Mafalda para honrar ao xenial autor arxentino coincidindo coa presenza na cidade e por primeira vez en Galicia da mostra ‘Quino na música’, que forma parte do Viñetas desde o Atlántico e pódese visitar nesta sala de exposicións de Palexco”, sinalou Inés Rey. A alcaldesa estivo acompañada polo director territorial de Cultura, Lingua e Xuventude, Severino Álvarez, o director de Viñetas desde o Atlántico, Manel Cráneo, e o autor da figura, Fernando Palacio Edreira.

A exposición ‘Quino na música’ amosa a faceta máis melómana do autor. Dende o amor de Mafalda polos Beatles ata a crítica á censura ou aos poderes establecidos a través da música, a exposición permite redescubrir a riqueza expresiva, estética e ideolóxica dunha das voces máis singulares do humor gráfico contemporáneo.

Por outra banda, as persoas visitantes a esta instalación poderán sacarse fotos 3D coas personaxes de Mafalda e Astro Ratón grazas ao escáner de última xeración ScanMeNow.
Conta con 120 cámaras e reproduce fotos tridimensionais que os e as asistentes poden descargar a través dun código QR. Este é un aporte de Turismo da Coruña ao festival dentro da súa estratexia de sustentabilidade e a primeira vez que se pode gozar del nunha gran exposición na Coruña.

Continúa o Viñetas desde o Atlántico ata o domingo

A alcaldesa aproveitou tamén o acto para convidar á cidadanía a participar durante esta semana nas diferentes propostas da edición número 28 de Viñetas desde o Atlántico. Con máis de 70 autores nacionais e internacionais, 20 exposicións, concertos, actividades para todos os públicos e un destacado programa gastronómico, o festival reafirma o seu compromiso coa cultura do cómic e a creatividade.

O tema central desta edición será a relación entre o cómic e o mundo musical, con exposicións e concertos que unen ambas as disciplinas. Ademais, Viñetas realizará unha homenaxe a Castelao para conmemorar o 75º aniversario do seu falecemento e dedicaranse exposicións e actividades especiais para lembrar o seu legado.
Toda a programación e actividades do Viñetas desde o Atlántico 2025 pode consultarse en: https://vinetasdesdeoatlantico.com/

Deja un comentario