O CGAI acollerá mañá martes ás 19.30 unha sesión en homenaxe a María Casares
“A gala será un musical que servirá de exposición festiva dos motivos polos cales debemos sentirnos orgullosos do teatro que se fai en Galicia. Tamén homenaxearemos ao longo da noite ás Irmandades da fala, que neste 2016 celebran o seu centenario; os vinte anos de premios María Casares e por suposto, o vixésimo aniversario do pasamento da propia actriz”. Con estas palabras, o director Xesús Ron resumiu esta mañá as claves dos XX Premios de Teatro María Casares, cuxa gala se celebrará este mércores 30 de marzo no Teatro Rosalía da Coruña e que será conducida polo grupo Chévere, Premio Nacional de Teatro en 2014. Ron sinalou, ademais, que a gala recreará o xeito propio do teatro musical: “a escena norteamericana ten como referente a Broadway, nós en Galicia usaremos o referente da Ultranoite, unha canteira de talento escénico pola que teñen pasado dúas xeracións de creadores ao longo de máis de vinte anos.”
Así o explicou o director teatral na rolda de prensa celebrada esta mañá no Concello da Coruña, na que participaron tamén o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento da Coruña, José Manuel Sande, e o presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Vicente Mohedano.
Mohedano quixo resaltar a “gran calidade” dos catorce espectáculos que compiten nas catorce categorías nos que se dividen os premios. Todas estas producións, segundo Mohedano, demostran a calidade artística das compañías e dos profesionais dun sector que, malia a crise, segue a traballar por un teatro de calidade. Mohedano, ademais, lembrou que a Asociación vén de cumprir trinta anos e que neste 2016 se celebra a vixésima edición dos premios María Casares. “E quixemos que nesta gala tan especial nos acompañase unha compañía como Chévere, cuxa pegada no sistema cultural galego é innegable e que conta cun discurso que se actualiza constantemente segundo as necesidades e o respirar da nosa sociedade”, sinalou Mohedano. Tamén recordou a importancia destes galardóns que, no seu vixésimo aniversario, seguen a “darlle visibilidade e prestixio á nosa actividade teatral”.
DOUS GRANDES PANOS
Suso Montero volve este ano a encargarse da escenografía, na que destaca a elaboración con gran precisión artística de dous panos de fundo. Daranse a coñecer durante a gala dos María Casares e servirán para a ambientación desta gala musical que lembrará a María Casares e ás Irmandades da Fala, como tamén a outros elementos que sirven para reivindicar unha identidade cultural propia aberta ao mundo e que constitúen unha mirada orgullosa ao pasado para afrontar con determinación o futuro do teatro, da lingua e da cultura galega. Con estes obxectivos en mente, ao escenario subirán nove actores (Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Mónica García, Arancha Villar, César Goldi, Marcos Ptt, Manuel Cortés, Borja Fernández e Cristina Iglesias) e cinco músicos (Xacobe Martínez Antelo, Max Gómez, Manuel Cebrián, Xosé Miguélez e Javi GDJazz).
A gala, ademais, conta un ano máis coa produción executiva de Marta Horjales e co apoio dunha serie de institucións e entidades privadas que demostran coa súa implicación a importancia social e cultural que teñen os Premios María Casares. A Consellería de Cultura e Educación, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Fundación AISGE e a Fundación SGAE patrocinan os premios, que contan coa colaboración tamén do Padroado de Cultura do Concello de Narón, a Televisión de Galicia, o Centro Dramático Galego, Gadis, Emsac e Trevisani.
Por vez primeira, os Premios María Casares de Teatro serán retransmitidos en directo a través de streaming ás 21.00 horas na páxina web da TVG e poderanse seguir en diferido pola segunda canle da TVG. A través de twitter anunciaranse en tempo real os gañadores e empregarase o hastag #os casares. Durante a gala entregarase o Premio de Honra Marisa Soto á Revista Galega de Teatro (RGT) e a xornalista Montse Dopico lerá o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro.
MARÍA CASARES NO CGAI
Dentro das actividades paralelas que a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) desenvolverá nas próximas semanas para difundir a figura de María Casares, o Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI) acollerá unha sesión homenaxe á actriz, consistente nun coloquio presentado pola vicepresidenta da AAAG, Mabel Rivera, moderado polo escritor e xornalista Alberto Ramos e no que participarán o historiador de cine José Luis Castro de Paz e a investigadora Sabela Hermida. Tras a mesa redonda, proxectarase o clásico Les enfants du paradise, dirixida por Marcel Carné e protagonizada pola actriz María Casares. A sesión comeza ás 19.30 horas e será de balde.
ESPECTÁCULOS NOMINADOS
Un total de 14 espectáculos son finalistas nos XX Premios de Teatro María Casares. O principio de Arquímedes, de Teatro do Atlántico, convértese neste 2016 na produción con maior número de finalistas, ao ter presenza en oito categorías. Pola súa banda, Ensaio sobre a cegueira, de Sarabela Teatro, aspira a 7 galardóns e Presidente, de Teatro do Morcego, opta a 5. Ademais, estas tres montaxes disputaranse o premio ao mellor espectáculo.
Xardín suspenso, do Centro Dramático Galego, e Manawee, de Matrioshka Teatro, compiten ambas as dúas en 4 apartados, mentres que Noiteboa, de Redrum Teatro, e Panamericana, de A Panadería, optan a 3 galardóns. Pola súa parte, Calypso, de Voadora; O Furancho, de Ibuprofeno Teatro, e Unhas poucas picadelas, de Teatro de Ningures, competirán por dous galardóns cada unha delas aspiran a dous premios. Finalmente, poderían gañar un galardón 30 e tantos ósos (Aporía Escénica), Feo! (Caramuxo Teatro), O Crédito (Eme2 Producións) e Jim e Illa do Tesouro (Eme2 Producións).