Tuesday 12 de August de 2025

Ribeira anuncia axudas para a autonomía persoal e accesibilidade de fogares


Dende o goberno salientan esta iniciativa que permitirá gañar calidade de vida á poboación con dependencia e diversidade

É a primeira vez que Ribeira ten este tipo de axudas

O rexedor, Luís Pérez, o concelleiro de Servizos Sociais, Vicente Mariño, a coordinadora dos Servizos Sociais do concello, Francisca Vidal e a educadora social, Elena Calo informaron das novas axudas para a autonomía persoal e accesibilidade do Concello de Ribeira.

O Concello de Ribeira habilitou unha partida de case 22.000€ para destinar a persoas empadroadas no municipio que teñan recoñecida a dependencia ou a discapacidade e necesiten adquirir ou alugar material técnicas ou realizar adaptacións funcionais no fogar, na procura da súa autonomía persoal e dereito a accesibilidade e, polo tanto, favorecer unha vida o máis autónoma posible dentro das circunstancias persoais de cada individuo e mellorar a calidade de vida das persoas beneficiarias das axudas.

Mariño resaltou a importancia destas axudas e dende a súa experiencia de farmacéutico e ortopédico deixou constancia de que estas axudas técnicas “por exemplo, facilitarán unha maior accesibilidade ao fogar, unha maior accesibilidade ao baño, tamén para poder mercar, cadeiras de ducha, próteses dentais, audiófonos ou andadores. Tamén están contempladas as axudas para o acceso a camas hospitalarias cuns carros elevadores para facilitar o traballo diario do coidador ou coidadora”. O concelleiro rematou sinalando que unha vez que todo isto se desgrose, “vai a ser moi importante para os veciños e veciñas e facilitará máis a súa vida diaria”.

O alcalde, Luís Pérez Barral, resaltou que estas axudas van facer que Ribeira teña por primeira vez, en colaboración coa Deputación da Coruña, axudas co obxetivo de “gañar calidade de vida para a poboación dependente, con enfermidades que precisan a adaptación no fogar”.

O alcalde anunciou que hai 3 tipos de axudas: a primeira corresponde a axudas técnicas ou produtos de apoio para o normal desenvolvemento da vida diaria tales coma camas hospitalarias, andadores, cadeiras de ducha, barras de apoio para o baño, entre outras; a segunda corresponde ás adaptacións funcionais do fogar e eliminación de barreiras arquitectónicas máis en loxística de comunicación no interior da vivenda e no exterior se é de uso privativo; e finalmente unha terceira que corresponde á adquisición de audiófonos e próteses dentais.

O custo das mesmas serían ás axudas técnicas cunha contía máxima subvencionable 1500€; nas adaptacións no fogar e eliminación de barreiras arquitectónicas unha contía máxima subvencionable 2000€; e finalmente para a adquisición de audiófonos ou próteses dentais sería unha contía máxima subvencionable 600€ e 300€ respectivamente.

O alcalde rematou mostrando a satisfacción de poder sacar por vez primeira un tipo de axudas neste sentido, “esperemos que poida chegar a moitos fogares e iremos analizando nas futuras edicións; se é preciso incrementar este tipo de axudas ou de ir adaptando e facendo modificacións que vaian suxerindo as persoas preceptoras destas axudas”.

A coordinadora dos Servizos Sociais informou que se poden consultar as bases de convocatoria na páxina web do Concello pero recomenda aos interesados que se dirixan ás dependencias dos Servizos Sociais porque con base a este programa contratouse unha profesional, Elena Calo “que estará reforzando este programa para o asesoramento e axuda para cumprimentar este tipo de expedientes para que as persoas non teñan tanta dificultade á hora de presentar a documentación”. Francisca Vidal deixou constancia que estas axudas non son só están pensadas para persoas maiores dependentes; “tamén están pensadas para a atención á diversidade; calquera axuda técnica para a súa formación ou vida diaria…”.

Vidal destacou que o prazo para solicitar as axudas é de 2 meses, a contar dende o 1 de agosto de 2025 ao 1 de outubro de 2025 pero os gastos se poderán computar dende o 1 de xaneiro. Paar finalizar cabe resinar que nas axudas tamén poderase computar alugueiros de aparellos ou servizos.

Deja un comentario