Tuesday 12 de August de 2025

O Faro de Mera participa no International Lighthouse & Lightship Weekend


O Faro de Mera será un dos protagonistas nos días 16 e 17 de agosto, do International Lighthouse & Lightship Weekend, un evento internacional que une a máis de 329 faros e buques faro de todo o planeta.

 

Durante 48 horas ininterrompidas, o Faro de Mera converterase nunha auténtica base de operacións radiofónicas na que un equipo de radioafeccionados transmitirá cun indicativo especial, realizando conexións con milleiros de estacións de radio en diferentes países e cos outros faros participantes.

 

O obxectivo desta edición é superar os 4.500 contactos internacionais acadados o ano pasado, levando o nome e a historia do Faro de Mera a todos os recunchos do mundo e poñendo en valor este símbolo do patrimonio marítimo presente no noso municipio.

 

A actividade é de balde e aberta a toda a cidadanía. As persoas que se acheguen ao Faro de Mera durante a fin de semana poderán visitar a estación de radio, seguir en directo como se realizan as conexións e coñecer a labor dos radioafeccionados.

 

O International Lighthouse & Lightship Weekend é un evento anual que busca poñer en valor e dar a coñecer o papel fundamental dos faros e buques faro, unindo a paixón pola radio co compromiso de conservar o patrimonio marítimo. Ao longo dos anos, esta iniciativa foi capaz de tecer unha rede que une persoas, culturas e espazos singulares, como é o Faro de Mera.

Deja un comentario