Tuesday 12 de August de 2025

Rescate heroico dos socorristas na praia de Bastiagueiro


O alcalde, Ángel García Seoane, a concelleira de Seguridade Cidadá, Margarita Figueroa, e o xefe do Servizo Municipal de Emerxencias, Juan M. Suárez, recibiron esta mañá na Casa do Concello a unha representación do persoal do Servizo de Salvamento e Socorrismo para agradecerlles o seu labor nun complicado rescate de tres persoas na praia de Bastiagueiro a pasada semana. Nun día de forte oleaxe, dous socorristas protagonizaron unha intervención exemplar, lanzándose á auga para rescatar a tres persoas que se vían incapaces de regresar á area debido á forte corrente.

Durante o transcurso da patrulla a pé de praia, uns mozos alertaron aos socorristas da situación. De inmediato, un dos socorristas lanzouse ao mar mentres outro comunicaba a situación ó posto para a mobilización de reforzos e a achega de material de rescate. Dous deles remolcaron ao bañista en peor estado ata a area, mentres o resto do equipo aseguraba o estado dos outros dous. Grazas á profesionalidade e coordinación do equipo, evitouse unha situación de risco e garantiuse a integridade das tres persoas.

O Concello de Oleiros conta este ano cun total 44 membros entre socorristas, patróns de embarcación, auxiliares de información e primeiros auxilios, supervisores e xefes de equipo, que traballan durante a tempada de verán na procura da salvagarda das persoas usuarias das praias.

Deja un comentario