
Dende hoxe o corpo contará con seis novos vehículos híbridos
A concelleira de Seguridade Cidadá, Montserrat Paz presentou a memoria de 2024, que ratifica os avances dun modelo de servizo baseado na prevención, a educación e a proximidade
O Concello da Coruña fixo balance hoxe das actuacións desenvolvidas pola Policía Local ao longo do ano 2024, nun exercicio marcado pola consolidación dun modelo de cidade segura, sostible e próxima. A presentación estivo a cargo da concelleira de Seguridade Cidadá, Montserrat Paz, quen destacou a redución da sinistralidade viaria e o fortalecemento das medidas de educación, control e atención á cidadanía.
Nova redución de accidentes e vítimas
Por cuarto ano consecutivo, A Coruña rexistra un descenso na sinistralidade viaria. En 2024 contabilizáronse 758 accidentes de tráfico (67 menos que en 2023) e reduciuse tamén o número de feridos por atropelo, pasando de 117 a 90. Este descenso constante desde 2021 evidencia o éxito das políticas municipais en materia de mobilidade segura e calmado do tráfico.
A concelleira destacou tamén que este ano se actuou en puntos de especial risco para mellorar a seguridade viaria e reducir a sinistralidade. Destacan as obras realizadas na Estrada dos Fortes, onde se reforzaron as medidas de calmado de tráfico na contorna dos colexios Calasancias e Calasanz e do centro de saúde dos Rosales, con pasos de peóns sobreelevados, redutores físicos de velocidade, mellora da sinalización e elementos de protección peonil. Ademais, avanzouse na execución de novas rotondas financiadas con fondos Next Generation, como as da avenida de Fisterra con Gambrinus e avenida de Fisterra con Gutemberg, mellorando a fluidez e a seguridade nestas interseccións que rexistraban alta sinistralidade e actuando en conexións clave entre os barrios do Ventorrillo, Silva e o polígono da Agrela.
Atención directa á cidadanía e tecnoloxía ao servizo da seguridade
O sistema de videovixilancia e control da Sala de Pantallas reforzou a capacidade de resposta municipal con 6.242 chamadas atendidas, máis de 8.408 intervencións en semáforos e máis de 1.100 conexións informativas con medios de comunicación. Ademais, realizáronse 1.419 intervencións de auxilio á cidadanía, ampliando o enfoque asistencial do corpo policial.
Educación viaria para máis de 3.700 escolares
O programa de educación viaria chegou a 3.777 participantes entre alumnado de distintos niveis educativos e persoas que tomaron parte nas actividades de participación libre, promovendo unha cultura de mobilidade segura desde a infancia e consolidando A Coruña como cidade educadora.
Xunto a estas accións, o programa Axente Titor desenvolveu 62 intervencións por absentismo escolar, 56 casos de menores en risco ou desamparo, 34 actuacións por conflito escolar e 29 por ameazas detectadas en contornas educativas. Tamén se interveu en 29 casos relacionados con consumo ou tenencia de drogas, en coordinación con centros educativos e familias.
Aplicación “Eurocop My Alert”: resposta en menos de 5 minutos
A ferramenta dixital de seguridade colaborativa para establecementos comerciais consolidouse en 2024 cun tempo medio de resposta inferior aos 5 minutos. Actualmente conta con 77 establecementos adheridos: 38 na zona de Alcalde Marchesi/Gaiteira e 39 na rúa Barcelona. A súa expansión a novas zonas e a valoración positiva dos comercios adheridos avalan o seu impacto como modelo innovador de protección en contornas urbanas.
Convivencia urbana e espazo público máis ordenado
A Policía Local realizou máis de 43.800 denuncias relacionadas coa circulación, con especial atención ás zonas peonís, áreas escolares e espazos de convivencia. No marco destas actuacións, formuláronse 155 denuncias por infraccións cometidas con bicicletas e vehículos de mobilidade persoal, das que 95 foron especificamente por VMP, principalmente por circular por beirarrúas, sen casco, con auriculares ou sen documentación. Ademais, mellorouse a accesibilidade urbana a través do control do estacionamento indebido en zonas sensibles.
Dentro deste ámbito, destaca o traballo da Patrulla Verde, que en 2024 realizou 447 expedientes por vehículos abandonados, 45 comprobacións do estado de animais, 47 intervencións por animais soltos e 34 actuacións contra pintadas e graffitis. Ademais, tramitáronse 25 incidencias por mordidas entre animais e 17 por mordidas a persoas.
Vehículos abandonados reutilizados para operativos policiais
Durante 2024 retiráronse 35 vehículos abandonados, dos cales varios foron reacondicionados como vehículos sin distintivos, optimizando recursos e reforzando a operatividade da Policía Local sen incrementar custos.
Violencia de xénero: atención integral
No marco do protocolo municipal de atención a vítimas de violencia de xénero, a Policía Local atendeu durante 2024 a máis de 100 mulleres con nivel de risco baixo, ofrecendo acompañamento, seguimento e coordinación cos servizos sociais e outros corpos de seguridade.
Montserrat Paz subliñou que “os datos falan por si sós: cada ano melloran os indicadores clave e avanza o modelo de cidade segura que defendemos desde o Concello”. Pola súa parte, Carlos García Touriñán destacou “o compromiso constante do corpo da Policía Local coa atención á veciñanza, a prevención e a innovación”.
O balance amosa descensos significativos en accidentes, atropelos, denuncias por tráfico, casos de menores en risco, infraccións por convivencia e tenencia de animais; e incrementos positivos en obxectos perdidos recuperados, vehículos retirados por infraccións, controis de alcoholemia e drogas, así como expedientes por vehículos abandonados.
O Goberno municipal manterá e reforzará estas liñas estratéxicas durante 2025, coa posta en marcha de novas campañas de educación viaria, ampliación de ferramentas tecnolóxicas e unha atención directa e eficiente en todos os barrios da cidade.
Aumento da frota de vehículos
Antes da presentación da Memoria anual, a alcaldesa Inés Rey supervisou na praza de María Pita a incorporación de seis novos vehículos que reforzan o parque móbil da Policía Local. Trátase de modelos híbridos enchufables con etiqueta ECO, que reducen emisións e consumo, e que contan con equipamento policial integral para mellorar a resposta operativa: emisora integrada, mampara de seguridade para traslado de persoas detidas, ponte luminoso LED de alta visibilidade, sirena, cámara traseira e espazos de almacenamento de material de intervención. Ademais, dispoñen de sistemas de asistencia á condución e modos específicos para optimizar a seguridade e o confort en servizo. Rey destacou que “seguimos a modernizar e ampliar os medios da Policía Local para que dispoña das mellores ferramentas á hora de garantir a seguridade e a convivencia na cidade”.
O Concello xa traballa na redacción de novos pregos para continuar incrementando e mellorando a frota, co obxectivo de reforzar a capacidade operativa e a eficiencia das intervencións policiais en todos os barrios.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.