Tuesday 12 de August de 2025

O Concello de Ribeira reforza a seguranza viaria na avenida de Ferrol e na rúa Lepanto


O Concello de Ribeira acaba de executar unha actuación na avenida de Ferrol consistente na mellora da sinalización previa aos pasos de peóns mediante a instalación de redutores de velocidade. Esta intervención tamén se fixo extensible á rúa Lepanto, onde se marcaron as liñas de borde e se colocaron redutores de velocidade co obxectivo de reforzar a seguranza das persoas peóns.

O alcalde, Luís Pérez Barral, subliñou que “estas medidas responden ás peticións da propia veciñanza das zonas nas que se actuou, que nos trasladou a súa preocupación pola velocidade dos vehículos e o risco que isto supoñía para a seguridade viaria”. Engadiu ademais que “desde o Concello estamos comprometidos co obxectivo global de vítimas cero na estrada. Cada acción que realizamos busca reducir riscos, evitar accidentes e acadar o obxectivo de salvar vidas, por iso imos seguir actuando onde sexa necesario”. Estas novas intervencións súmanse a outras xa executadas no centro urbano, como a mellora da seguridade viaria na rúa Romero Ortiz coa
reparación de lousas e instalación de resaltos, a mellora da iluminación en pasos de peóns na avenida da Coruña e a mellora da conexión da praza do Centenario coa rúa Otero Pedrayo e a Praza do Concello.

Con este conxunto de actuacións, o Concello de Ribeira continúa avanzando na creación de espazos urbanos máis seguros e accesibles para toda a veciñanza, poñendo especial atención ás persoas peóns e ás zonas de maior tránsito.

Deja un comentario