Saturday 23 de November de 2024

A Xunta ofrecerá nos Centros do ISSGA formación práctica aos alumnos dos mestrados universitarios en prevención de riscos


A iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria forma parte dun convenio de cooperación educativa asinado entre o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral e as tres universidades galegas

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), ofrecerá por primeira vez nos centros territoriais do Instituto formación práctica aos alumnos e alumnas dos mestrados universitarios en prevención de riscos laborais. Ë unha iniciativa froito do convenio de cooperación asinado entre o ISSGA e as tres universidades galegas para que os estudantes universitarios poidan coñecer de cerca o seu exercicio profesional e as posibles saídas laborais dos estudos que están a cursar.

Deste xeito, durante o período de prácticas formarase aos alumnos e alumnas en aspectos prácticos de prevención de riscos laborais nas especialidades de seguridade no traballo, hixiene industrial, ergonomía e psicosocioloxía aplicada e medicina do traballo.

Os beneficiarios destas prácticas adquirirán competencias sobre as actuacións que se realizan no ISSGA entre as que destacan, entre outras, a investigación dos riscos laborais, a selección e uso de equipos de protección individual, a medición de axentes físicos, químicos e biolóxicos, a elaboración de avaliacións de riscos e o asesoramento técnico e pericial a outros órganos administrativos e xudiciais.

O ISSGA ten entre as súas funcións a formación e a realización de accións informativas en relación coa seguridade e saúde laboral; a colaboración e cooperación en materia de prevención de riscos laborais con outras institucións, entidades públicas e privadas e corporacións locais; e a cooperación coa autoridade educativa, a universidade e os centros de investigación para implantar en todos os ciclos e niveis formativos programas educativos en prevención de riscos laborais.

En definitiva, trátase de participar na promoción do desenvolvemento profesional e acceso ao mercado laboral dos futuros traballadores e traballadoras co obxectivo de que os futuros técnicos en prevención de riscos laborais adquiran unha correcta formación práctica neste eido.