Tuesday 12 de August de 2025

Inés Rey destaca a vontade internacional do Viñetas desde o Atlántico na apertura da súa 28ª edición


Ata o 17 de agosto haberá máis de 70 autores, 20 exposicións e numerosas actividades

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta tarde o acto de apertura da edición número 28 do Viñetas desde o Atlántico, celebrado no Kiosco Alfonso. Este ano, os temas centrais son a relación entre a Banda Deseñada (BD) e a música, que comezou coa exposición ‘Quino na música’, ademais dunha homenaxe especial a Castelao no 75º aniversario do seu falecemento. Con máis de 70 autores nacionais e internacionais, 20 exposicións, concertos, actividades para todos os públicos e un destacado programa gastronómico, o festival reafirma o seu compromiso coa cultura do cómic e a creatividade.
“Se no 2024 dicíamos que era o ano cero do novo Viñetas desde o Atlántico, hoxe podo dicir que esta é a edición da consolidación dun festival que aspira a ter relevancia internacional”, sinalou a alcaldesa, que estivo acompañada polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro. Tamén participaron no acto de apertura do Viñetas desde o Atlántico o director do certame, Manel Cráneo, o director corporativo de Hijos de Rivera, Antonio Viejo, o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o presidente da Deputación, Valentín González.

O tema central desta edición será a relación entre o cómic e o mundo musical, con exposicións e concertos que unen ambas as disciplinas. Ademais, Viñetas realizará unha homenaxe a Castelao para conmemorar o 75º aniversario do seu falecemento e dedicaranse exposicións e actividades especiais para lembrar o seu legado. Este martes, 12 de agosto, tamén se destapará a nova figura de Mafalda, que pasa a formar parte da colección do Salón do Cómic.

Nesta edición, participan máis de 70 creadores (73), fronte aos 40 do ano pasado, e preséntanse 20 exposicións, en comparación coas 18 de 2024. E, como non podía ser menos, na Coruña estarán figuras internacionais e nacionais da talla de Dave Cooper; un dos principais ilustradores de Canadá; Magius, premio nacional de Cómic en 2021; Fermín Solís, da nova onda do cómic español ou o polifacético artista galego Paco Coyote. Tamén estarán os destacados ilustradores Carlos Azagra, Encarna Revuelta, Miguel B. Núñez, Olivia e Clara Cábez, Don Rogelio J, Inacio e Iván Suárez, Sara Jotabé, Montse Mazorriaga, Marika Vila, Jorge Esteban Urabayen, Sandra Lordi, Laura Suárez, Raquel Gu, Natalia Velarde, Arkaitz González, Diego Burdío e Adrián Prado, entre outros. “Seguimos chamándoo Salón do Cómic, pero en realidade estamos ante un auténtico festival da banda deseñada, aberto ás distintas formulacións culturais que rodean a páxina ilustrada, o que se vai traducir en decenas de actividades, a maioría de carácter innovador”, apuntou Inés Rey.

Exposicións, cómic e música

Ademais, A Coruña acolle 20 mostras, incluíndo ‘Quino na Música’, ‘Astro-Ratón y Bombillita’ de Fermín Solís na Sala Municipal de Palexco; ‘Viñetas y Decibeis’, no Quiosco Alfonso e obras de Victor Coyote, Azagra, Revuelta, Magius, Miguel B. Núñez, Cols (Olivia e Clara Cábez), Don Rogelio J e Wobbly de Dave Cooper, en na Casa Museo Pablo Picasso. Por outra banda, en colaboración coa Deputación da Coruña, a Sala Municipal de María Pita, acolle obras de Inacio e Iván Suárez e as gañadoras dos Premios Castelao 2024, Sandra Lordi e Laura Suárez.

Estas Viñetas 2025 tamén vén cargado de concertos gráficos e actuacións en vivo, incluíndo o concerto ilustrado de Hombre Tigre, actuacións de autoras como Anabel Colazo e Raquel Montero, ademais da proxección do documental ‘Quinografía’ e un ‘Latexa Late Show’ con entrevistas a autores, presentado por Neves Rodríguez.

Talleres e gastronomía

Ademais, o Viñetas Mini trae talleres diarios con autores convidados na Sala Municipal de Palexco e espectáculos nas Bibliotecas Municipais e a tradicional Rúa BD enche a Feira do cómic coa presenza de 35 editoriais e librarías especializadas, con máis de 100 actividades,
entre elas, firmas, charlas, presentacións, visitas guiadas e clases maxistrais nos xardíns de Méndez Núñez. Por suposto, tampouco faltan os talleres e revisión de portafolios por parte de editores na sección Viñetas Pro. E, como ocorreu xa o pasado ano, durante todo o festival tamén se pode gozar da gastronomía coruñesa grazas ás Viñetas Ñam, onde restaurantes da cidade ofrecen pratos inspirados no mundo do cómic.
Toda a programación e actividades do Viñetas desde o Atlántico 2025 pode consultarse en: https://vinetasdesdeoatlantico.com/

Deja un comentario