
A Aula do Mar de Mera recibiu xa máis de cinco mil visitantes no que vai de ano, mantendo o seu papel como un dos principais recursos turísticos do concello e como centro de recepción do Monumento Natural da Costa de Dexo-Serantes.
Situado entre os faros de Mera, este espazo municipal ofrece unha exposición interpretativa permanente sobre a riqueza ambiental e paisaxística da zona, conta cuns fermosos miradoiros e unha ampla terraza, e proporciona información sobre as condutas recomendables dentro do monumento natural, así como sobre as rutas de sendeirismo que percorren a contorna.
O Concello de Oleiros aposta por un turismo de proximidade e de calidade, lonxe da xentrificación e baseado no respecto e coidado dos espazos naturais, ao tempo que promove actividades que enriquecen cultural e ambientalmente a quen visita a zona. A Aula do Mar constitúe unha porta de entrada á riqueza natural do concello e conta cunha programación de visitas guiadas gratuítas, así como actividades de educación ambiental ao longo de todo o ano, co obxectivo de sensibilizar sobre a importancia de preservar o noso patrimonio e fomentar un modelo turístico que xere beneficios sociais, culturais e ambientais.
A Aula do Mar abre de martes a domingo, en horario de 10 a 14 e de 16 a 19:30h, co último acceso quince minutos antes do peche. Está aberta á cidadanía e ás persoas visitantes que queiran coñecer e gozar dunha experiencia que combina información, interpretación e contacto directo coa natureza, reafirmando o compromiso do Concello de Oleiros cunha xestión responsable dos seus recursos e cun turismo que pon en valor a identidade local e o respecto polo medio.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.