Tuesday 12 de August de 2025

O estadio de Río Seco acollerá en setembro o X Torneo internacional Cidade de Narón de fútbol 8


O edil de Deportes, Ibán Santalla, presentou xunto con Juan Carlos Vázquez, coordinador de fútbol 8 na Sociedade Deportiva, Cultural e Recreativa Narón-O Freixo, a décima edición do Torneo Internacional Cidade de Narón de fútbol 8. Un evento deportivo que se levará a cabo do 5 ao 7 de setembro, nas categorías alevíns e benxamíns, no estadio municipal de Río Seco.
Máis de sesenta equipos de diferentes clubs participarán nesta edición, organizada un ano máis polo Concello e a SDCR Narón-O Freixo. Entre as entidades deportivas a nivel autonómico que se darán cita nesta convocatoria están dous representantes galegos en primeira e segunda división, o Real Club Celta de Vigo e o Deportivo da Coruña, así como as formacións da Cultural Leonesa, Racing de Ferrol, Compostela, Quirinal de Avilés, Atlético Coruña, Montañeros, Ural…, tal e como indicou Vázquez. Así mesmo, no cadro de aspirantes figuran canteiráns do club de fútbol Oporto, Vitoria de Guimaraes ou Sporting de Braga, entre outros, aportando a internacionalidade a este evento. Unha das novidades desta edición é que por primeira vez participará no torneo o Atlético de Madrid, na categoría benxamín sub 10. Os partidos disputaranse o venres de 14:00 a 22:00 horas aproximadamente e o sábado de 9:00 a 21:00 e o domingo de 9:00 a 20:00, segundo apuntaron dende o club local.
O torneo dará comezo cunha fase previa na que tomarán parte os equipos locais dende o venres ao mediodía, mentres que as finais, tal e como indicaron dende o club local, están programadas para o domingo 7 sobre as 20:00 horas.
O concelleiro de Deportes destacou a elevada participación neste torneo un ano máis e tamén o labor do club Narón-O Freixo, “por facer posible un ano máis que celebremos na cidade este evento deportivo e desfrutemos do fútbol 8 en Río Seco, nuns partidos que se disputarán en catro campos e cun total de 64 equipos”.

Deja un comentario