Tuesday 12 de August de 2025

“Miúdo verán. Cultura en familia” convídanos este martes á proxección nocturna da comedia “¡Salta!”


O pase terá lugar a partir das 22:00 horas na contorna do albergue

O programa municipal “Miúdo verán. Cultura en familia” regresa á contorna do albergue de peregrinos, e este martes, convida ás familias a asistir á proxección da película española “¡Salta!”. O pase comezará ás 22:00 horas co apoio da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

O filme aborda en clave de comedia a relación entre Óscar e Teo, dous irmáns adolescentes moi distintos entre si que viven na década dos 80 nun piso de barrio na Coruña. Un, futboleiro e un tanto trasto, e o outro, un sabelotodo que prefire pasar as tardes de verán estudando a teoría da relatividade. E cada un deles, afrontando de xeito moi diferente a desaparición da súa nai, unha prometedora científica obsesionada coas viaxes no espazo e tempo.

Trátase da primeira longametraxe de Olga Osorio, baseada na súa multipremiada curta “Einstein-Rosen”, con Tamar Novas, Marta Nieto, Mário Santos e Rubén Fulgencio no reparto e unha moi boa acollida por parte de público e crítica.

Deja un comentario