Tuesday 12 de August de 2025

Inés Rey asina o convenio de colaboración coa Federación Provincial de ANPAs de centros públicos


O acordo, dotado con 425.000 euros, permitirá desenvolver actividades educativas, culturais e deportivas ao longo de todo o 2025

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, asinou esta mañá o convenio de colaboración coa Federación Provincial de ANPAs de centros públicos, representada pola súa presidenta, Lidia María Paz Lamela, para apoiar a realización de actividades educativas, culturais e deportivas durante o presente ano.

O acordo, cunha achega municipal de 425.000 euros con cargo ao orzamento de 2025, permitirá financiar iniciativas dirixidas ao alumnado, tanto no ámbito escolar como fóra del, que se desenvolverán entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro.

A alcaldesa subliñou que “o ensino público é un piar esencial para a igualdade de oportunidades, e este convenio reforza o traballo que as ANPAs realizan en beneficio da comunidade educativa”.

A Federación Provincial de ANPAs, entidade sen ánimo de lucro que agrupa a asociacións de nais e pais de toda a cidade, promove cada ano obradoiros, excursións, campamentos, actividades deportivas, culturais e proxectos de protección da infancia, da natureza e do medio ambiente.

O Concello recoñece o interese xeral destas actuacións e a súa contribución á mellora da calidade educativa, polo que mantén este apoio como parte do seu compromiso co benestar da infancia e da mocidade da Coruña.

Deja un comentario