Tuesday 12 de August de 2025

Silvia Agrafojo clausura as “Leisure activities in english”, nas que participaron 30 nenos e nenas entre os 6 e os 11 anos de idade


O programa foi impartido polas voluntarias europeas Zhenya Yordanova e Ogsanna Yeritsyan

A concelleira de Xuventude e Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, e o concelleiro de Protección Civil, José Antonio Ces, clausuraron o programa “Leisure activities in english”, unha iniciativa gratuíta do Concello de Lousame que incluíu unha gran variedade de actividades educativas e de ocio impartidas en inglés por Zhenya Yordanova e Ogsanna Yeritsya, voluntarias do Corpo Europeo de Solidariedade, en colaboración con integrantes do voluntariado xuvenil lousmiá (Paula, Adriana, Hugo, Nico, Dani, Xoel, Raúl e Ariana).

A actividade contou coa participación de 30 nenos e nenas, de entre os 6 e os 11 anos de idade, e impartiu no local social do Sanguiñal (Tállara) en horario de 10:30 a 13:30 horas. A abafante calor foi a protagonista do campamento, o que fixo que gran parte do mesmo se desenvolvera ao aire libre pero baixo sombra, ben na pista polideportiva ben adaptándose aos espazos de sombra do parque infantil. Así, o programa incluíu diversas actividades como pintura, karaoke, música, xogos, cine, teatro, conversas… todo en lingua inglesa para que os nenos e nenas sigan practicando o inglés durante o verán.

Así o puideron comprobar Silvia Agrafojo e José Antonio Ces, que se sumaron a un xogo común de tentar adiviñar o nome dunha personaxe facendo e respondendo preguntas en inglés. Unha visita na que puxeron en valor novamente a colaboración do voluntariado xuvenil local, non só das dúas voluntarias europeas, senón da rapazada lousamiá, que este ano tamén asumiu tarefas de tradución, toda vez que a chegada de Zhenya e Ogsanna adiouse con respecto a outros anos e aínda non teñen soltura co galego.

A rapazada despediu as “Leisure activities in english” do verán 2025 interpretando a canción “When i´m gone”, a coñecida “Cup song” popularizada pola actriz Anna Kendrick na comedia xuvenil “Dando la nota” (Pitch Perfect).

Deja un comentario