
O domingo 17 de agosto ás 19:30 horas actuarán Xosé A. Touriñán, David Amor, Javier Veiga, Lucía Veiga, Marita Martínez e Patricia Castrillón nunha nova edición dos ‘Contos ao Noroeste’
Máis de 115.000 persoas asistiron ao 38 concertos desta edición
As artes escénicas pecharán de novo outra edición do Festival Noroeste Estrella Galicia, como xa fixeran no pasado ano. Será no parque de Santa Margarita o domingo 17 de agosto ás 19:30 horas coas actuacións de Xosé A. Touriñán, David Amor, Javier Veiga, Lucía Veiga, Marita Martínez e Patricia Castrillón nunha nova peza dos ‘Contos ao Noroeste’.
As entradas poderanse adquirir na web www.ataquilla.com desde este luns, 11 de agosto, ás 12:00 horas, a un prezo a partir dos 15 euros. ‘Contos ao Noroeste’ xurdiu na XXXVII edición do Festival Noroeste Estrella Galicia para complementar a programación musical, con actividades para maiores e cativada. Agora, regresa da man de humoristas galego de primeiro nivel para despedir como se merece a trixésimo oitava edición do mellor festival do nordeste peninsular.
“O Gobierno de Inés Rey volve a apostar por diversificar a oferta do Festival Noroeste na súa vertente das artes escénicas, apostando polos mellores e as mellores humoristas de Galicia”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
Xosé A. Touriñán
Culleredo (1980). Presentador, produtor e director. Leva máis de vinte anos traballando no audiovisual e no teatro.
No 2005 comeza a súa carreira na Televisión de Galicia, onde o dúo cómico Os Dous de Sempre, do que forma parte, gaña unha enorme popularidade no programa Luar. Desde entón, traballa en múltiples series e programas da televisión pública como Padre Casares, Land Rober, Tourilandia, Era Visto! ou Catro Gatos.
No cinema protagoniza os filmes Cuñados e +Cuñados, e forma parte do reparto de Amigos hasta la muerte. Tamén interpreta distintos personaxes en series como Fariña, Pequeñas coincidencias, El desorden que dejas, Sin límites, Atasco, Clanes ou La Canción.
Xunto con Carlos Blanco, colleita un enorme éxito de público con Somos Criminais (2018), Somos Criminais 3 (2021- 2023) e Somos Criminais e punto final (2024 – 2025), acumulando máis de 125.000 espectadores. Tamén é produtor e actor en Fariña (2019) e Recortes, caneos e outras formas de driblar (2022).
No ano 2022 dirixe a súa primeira curtametraxe, Nena, co que acada un gran éxito en festivais de todo o mundo.
Dirixe o Castelo Conta, un festival de comedia, tradición oral e cultura rural que se celebra cada verán na súa aldea, Castelo, en Culleredo.
Javier Veiga
Javier Veiga (O Grove, 1973) é autor, actor e director de teatro, cine e televisión, cunha amplísima traxectoria profesional. Formouse na Real Escola Superior de Arte Dramático de Madrid e comezou a actuar sobre as táboas, aínda que a súa traxectoria tamén o levou ao audiovisual. Conta con máis de dez premios como o Premio Ondas 2001 por El Club de la Comedia ou o Premio a Mellor Actor 2013 no Festival Internacional de Cine de Salento (Italia), ademais de ser o director das curtas ¿De qué se ríen las hienas? e ¡Sálvame!, que acadaron 80 e 50 premios en festivais estatais e internacionais respectivamente.
No ano 1996 creou a compañía Teatro Impar, coa que ademais de produtor, tamén foi actor, director e dramaturgo en máis de vinte e cinco espectáculos. Entre os seus traballos máis recentes no eido teatral destaca Unha noite na praia, unha obra escrita e dirixida por el e protagonizada por Xosé A. Touriñán e Carlos Blanco.
Na televisión, Javier Veiga é o creador e director de Gym Tony, Gym Tony LC e Pequeñas Coincidencias; actuou en series coma Farmacia de guardia ou 7 vidas e presentou programas como El Club de la Comedia.
No cine tamén leva traballado en moitas películas como Muertos de amor (2010), Escuela de seducción (2005) e El año de la garrapata (2004). En 2023 estrea Amigos hasta la muerte, a primeira longametraxe da súa produtora Medio Limón e que el mesmo escribe, dirixe e protagoniza.
David Amor
David López Veleiro (Salceda de Caselas – Pontevedra, 1980), coñecido polo nome artístico de David Amor, é actor, humorista e presentador de televisión.
Este xogador de balonmán atopouse coa comedia de casualidade tras presentarse ao casting para O rei da comedia da TVG. Collérono para o programa e, paralelamente, comezou a facer monólogos polos bares. Na televisión galega traballa en programas como Supermartes, A terra dos prodixios, O programón e no seu propio late night Con Amor e Compañía, e en series como Mareas vivas, 4º sen ascensor ou Pataghorobí. A nivel estatal, participa en El Club del Chiste e en El Club de la Comedia, así como na serie Gym Tony.
Xa sobre os escenarios, colleita un grande éxito con Leo Harlem co espectáculo de monólogos Pasa a tomar un café. Tamén participa na obra de teatro de Amigos ata a morte, dirixida por Javier Veiga, formando parte do elenco do filme homónimo que se estreou en 2023. Continúa xirando por España cos espectáculos Fuera de sitio e Selfie.
Lucía Veiga
Lucía Veiga (A Coruña, 1974) é actriz, humorista e presentadora de televisión. Licenciouse en Filoloxía Hispánica pola Universidade da Coruña, traballou nunha tenda de móbiles e rematou dedicándose á actuación. Como actriz traballou tanto sobre as táboas coma na televisión, onde participou en producións como Vivir sin permiso, Serramoura, El desorden que dejas ou Rapa, papel polo que foi finalista nos premios Feroz e levou o Mestre Mateo a mellor interpretación feminina. Na pequena pantalla tamén traballou como presentadora no Luar, Maloserá ou Malicia Noticias, ademais de presentar a gala dos Premios Mestre Mateo na edición do 2020.
Outra faceta de Lucía Veiga é a de humorista, destacando os seus espectáculos de improvisación no dúo Izquierdo Sisters, que forma xunto a Marita Martínez. No teatro, a súa obra máis recente é Códice K.
Marita Martínez
Marita Martínez (Malpica de Bergantiños, 1976) é actriz de teatro, cinema e televisión. Estudou Maxisterio e especializouse en Audición e Linguaxe pola Universidade da Coruña, pero a súa carreira levouna ao mundo das artes escénicas. Ten realizado multitude de papeis como actriz e monologuista en diferentes espectáculos teatrais. Pero, sen dúbida, improvisación é a súa predilección, pois mergullouse en diversos shows de Improscenia como Poe, Dickens, Shakespeare, Agatha Christie e Homero ou Galician Horror History, así como tamén Mal de muchos e Quéroche un conto. Máis recentemente, participa nos espectáculos Impro Come Back e Endaterra e protagoniza a peza de teatro Códice K.
Fóra das táboas, tamén traballa no audiovisual, participando en programas como Luar ou Malo Será e na serie Os Mariachi, así como na curtametraxe As Tres Caídas de María Santiso e as webseries A Arte de Ser Mal Pai e Mataría. Patricia Castrillón Patricia Castrillón é mestra de Educación Infantil, mais tamén dedica parte da súa actividade laboral ao sector escénico e audiovisual.
Dende 1998 ten traballado como actriz en varios papeis de reparto en diferentes obras e formatos. Destaca a súa participación no audiovisual nas series Gondar e Os Atlánticos, e sobre as táboas, colabora con compañías como Ratiña Violeta, Colombaíños ou O Convidado. Neste 2023, uniuse ao elenco da obra de teatro Códice K.
Ademais, destaca a súa faceta na improvisación, sendo habitual nos espectáculos de impro que celebra na Coruña Oswaldo Digón, xunto a compañeiros como Marita Martínez ou Tito Rober.
Máis de 115.000 persoas asistiron aos concertos do Noroeste
A Coruña despide unha nova edición do Festival Noroeste Estrella Galicia, e xa van trinta e oito, na que 115.000 persoas desfrutaron de concertos espallados polos seis escenarios ao longo da xeografía da cidade herculina. Cinco días nos que se celebraron ata 38 concertos, todos eles de balde, con nomes como Luar na Lubre, La Yegros, Mondra, P.P Arnold, Guadi Galego, Siloé ou The Vaccines. Precisamente con estes últimos gozaron 28.000 persoas na noite de sábado, namentres que a xornada galega na praia, con Carlos Ares, Luar na Lubre e Grande Amore, xuntou a 30.000 persoas.
A praza de Azcárraga rexistrou un dos mellores seráns de mércores dos últimos anos, con case 1.800 persoas de público para os concertos de J.P. Bimeni e Annie and The Caldwells. Albert Pla, con case 10.000 persoas, foi un dos máis exitosos de María Pita, e o Castelo de Santo Antón rexistrou un cheo total nos tres días nos que a música soou dentro da fortaleza.
O Mercado de Discos do Noroeste e o Mercado de la Cosecha foron dúas propostas alternativas con gran afluencia de público desde o xoves ata o domingo.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.