Tuesday 12 de August de 2025

O Concello de Fene avanza na recollida da memoria oral e documental para o proxecto “Fene 1941”


As gravacións en vídeos darán lugar a pezas documentais que se presentarán á volta do verán

O proxecto está financiado con fondos FEMPA a través do GALP Golfo Ártabro Norte

Nas últimas semanas, o Concello de Fene está a desenvolver unha das fases centrais do proxecto “Fene 1941”, coa recollida de documentación e memoria oral vinculada á historia do estaleiro ASTANO e da ría. O proceso inclúe entrevistas e gravacións en vídeo á veciñanza, traballadores e extraballadores, así como a persoas vencelladas ao sector mariñeiro, co obxectivo de preservar e divulgar un patrimonio inmaterial único.

Estas gravacións darán lugar a un conxunto de pezas documentais en formato audiovisual, que se presentarán ao público nos meses de setembro e outubro, xunto co resto de actividades previstas: conferencias, accións nas tabernas, encontros interxeracionais e charlas nos centros educativos.

A concelleira de promoción económica, Ángeles Coira, destacou que “este traballo de recollida é fundamental para evitar que se perda un legado que forma parte da nosa identidade colectiva. Queremos que as historias de vida, as fotografías e o recordos queden recollidos e sexan accesíbeis para futuras xeracións”.

Coira subliñou ademais que “Fene 1941 non é só un proxecto de recuperación da memoria, senón tamén unha oportunidade para dinamizar a vida cultural, educativa e turística do concello, implicando á veciñanza, ás entidades e ao sector hostaleiro”.

O proxecto “Fene 1941” desenvólvese nos anos 2024 e 2025 e está financiado con fondos do Programa do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) a través do GALP Golfo Ártabro Norte, nun 70% pola Unión Europea e un 30% pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia.

Deja un comentario